CULTURA

O Teatro Principal acolle a estrea da curtametraxe "5 pezas", de José Manuel Bazarra

05/02/2009 Presentouse en Raxoi a curtametraxe 5 pezas, do director José Manuel Bazarra "Sepi", que se estreará no Teatro Principal o venres 6 de febreiro, ás 21:00 horas. Tamén se presentou a web da longametraxe Setembro, filme aínda non rematado do que xorde 5 pezas.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, exerceu de anfitrioa nesta presentación, na que o director, José Manuel Bazarra, explicou a xénese de 5 pezas. O proxecto orixinal do equipo de traballo encabezado por Sepi era Setembro, prometedora longametraxe que logo de meses de traballo tívose que interromper por problemas de liquidez. Daquela, o equipo de traballo decidiu realizar unha curtametraxe que servise de precuela e dese un pulo para a consecución do proxecto orixinal.

Así nace 5 pezas, filme protagonizado por cinco personaxes do guión de Setembro, que se sitúa temporalmente un ano antes que a longametraxe. Segundo definiu o director do filme, a estrea de 5 pezas ten dúas finalidades, "darlle un impulso ao proxecto de Setembro e aproveitar este espazo de tempo non para descansar, senón para seguir traballando e perfeccionando a película para cando sexa posible rematala".

Páxina web interactiva e sorpresas na estrea
Co mesmo obxectivo xorde a páxina web de Setembro, www.setembro.es, na que se vai pendurar 5 pezas e onde os visitantes poderán interactuar cos distintos personaxes e situacións da obra.

A xornada da estrea chega cargada de sorpresas, comezando pola tarde cun hapenning con petiscos na Caldeira de Pedro Boteiro, na rúa de San Pedro. Logo iniciarase un pasa rúas ata o Teatro Principal con gaitas, comitiva e malabares. Xa contra as 21:00 horas proxectarase 5 pezas, presentada por Xosé Barato, para rematar a xornada de novo na Caldeira de Pedro Boteiro coa actuación de García de Dios ke te crew e do Colectivo Oruga.

Compartir: