TURISMO

Santiago promocionará en Girona o Fórum Gastronómico de 2010

05/02/2009 Santiago xa prepara a súa edición do Fórum Gastronómico, que se celebrará en 2010, despois dos bos resultados do 2008. Este evento será promocionado por Turismo de Santiago no Fòrum Gastronòmic de Girona 2009, que se celebrará entre o 21 e o 25 de febreiro.

O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, participou na presentación do evento de Girona e amosou o seu convencemento de que a edición de 2010 do Fórum en Santiago será "un dos eventos máis relevantes da cidade no Ano Xacobeo". "Intentaremos consolidar o Fórum Gastronómico de Santiago de acordo á imaxe e ao peso de Santiago no panorama internacional".

Avalando este obxectivo, o director do Fòrum Gastronòmic, Pep Palau, referiuse a Santiago como "a capital das cociñas do Atlántico". Neste sentido, Iglesias apuntou que na edición de 2010 se seguirá potenciando todo o que ten que ver coa dieta atlántica e "na posta en valor dos nosos produtos agroalimentarios e da nosa cociña".

Ampla representación galega
A gastronomía galega terá unha ampla representación no Fòrum Gastronòmic de Girona, considerado o maior evento gastronómico con feira do mundo. Ademais da presenza institucional, na cidade catalá estarán ais de 50 empresas, produtores, confrarías e marcas galegas, que amosarán a diversidade e calidade dos produtos galegos e da nosa gastronomía.

O Fòrum Gastronòmic celebra a súa décima edición. O programa de 2009 inclúe varios talleres dedicados a produtos e profesionais galegos. Haberá un taller no que se despezará en directo unha tenreira, impartido polo cociñeiro Javier Rodríguez "Taky". Tamén se fará outro taller sobre o mexillón de Galicia, impartido por Pepe Solla e Xosé Canas, que explicarán o traballo dos profesionais que cultivan os mexillóns nas costas galegas.

Ademais, o profesor da Universidade de Santiago Manuel Gago protagonizará unha charla sobre os blogs, unha nova dimensión da comunicación gastronómica. Gago foi o promotor do Código Cociña, un código para a comunicación gastronómica en Internet presentado no Fórum Gastronómico de Santiago. Pepe Solla tamén impartirá un taller sobre gastronomía sostible.

Ademais do concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e do director do Fòrum Gastronòmic, Pep Palau, estiveron na rolda de prensa o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural, Antonio Fernández Oca; o director xeral de Estruturas e Mercados Pesqueiros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Xosé Manuel López Rodríguez; e o director-xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao.

Compartir: