CULTURA

Música, poesía e a estrea dun documental para homenaxear a Manuel María

07/10/2005 No primeiro aniversario do falecemento do poeta Manuel María, o Auditorio de Galicia acollerá un acto de homenaxe organizado pola AS-PG, a CIG-ensino, AELG e MNL no que haberá música, poesía e a estrea dun documental sobre a súa vida. Será o vindeiro sábado 8 de outubro, ás 20.00 horas.

A actriz Comba Campoy será a encargada de presentar o acto, que contará coa presenza de Francisco Rodríguez para falar sobre a dimensión humana de Manuel María. De seguido, haberá un recital poético coa presenza de Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Fernán Vello, Pilar Pallarés, Marica Campo, e Cesáreo Sánchez, para continuar cun acto musical con María Manuela, que interpretará Idioma meu e Manual de Señorito, Miro Casavella (Ollos de nenos e Panadeiras de Cea) e Mini e Mero (Verbas a un irmao e Canto de Esperanza). Para rematar a homenaxe, proxectarase o documental "Manuel María. A palabra estremecida e alertada", realizado por Manolo Graña, Arturo Iglesias e Eduardo Álvarez.

Os gaiteiros da Asociación Cultural A Mámoa interpretarán, como broche final do acto, o himno galego.

Compartir: