TURISMO

Santiago, entre as sete cidades fundadoras da Asociación Española de Turismo Gastronómico

04/02/2009 Turismo de Santiago asinou no marco de Fitur un protocolo de colaboración para a creación da Asociación Española de Turismo Gastronómico, que tamén foi asinado por Cambrils, Xixón, Lanzarote, Lleida, San Sebastián e Valladolid.

O obxectivo da Asociación Española de Turismo Gastronómico é crear un produto turístico de calidade baseado na cultura gastronómica, desenvolvendo novas experiencias gastronómicas atractivas para visitantes estatais e internacionais. Deste xeito, a Concellería de Turismo continúa abrindo novas liñas na promoción do atractivo enogastronómico da cidade.

A oferta gastronómica española, coas súas múltiples variedades, ten un alto recoñecemento internacional. Non obstante, ata o momento non se ten feito ningunha iniciativa semellante de promoción conxunta entre varios destinos. A idea central do proxecto é ampliar o concepto tradicional de turismo gastronómico, vinculando á cultura gastronómica ao territorio. Así preténdense desenvolver experiencias innovadoras sobre a cultura gastronómica, a través da creación dunha nova categoría de produtos, que aportará valor con respecto ás propostas actuais. O público obxectivo está composto por afeccionados á gastronomía, profesionais da gastronomía e medios de comunicación especializados neste campo.

As principais liñas de actuación que se pretende desenvolver durante o ano 2009 son: o desenvolvemento do Club do Produto Gastronómico, unha iniciativa que mediante a xestión conxunta entre os sete destinos fundadores da Asociación ten unha gran potencialidade de atracción turística tanto polo valor intrínseco da oferta gastronómica como pola colaboración de múltiples entidades; o desenvolvemento da marca do Club; e a promoción da proposta tanto estatal como internacionalmente. Tamén se traballará na sinatura de convenios de colaboración con diferentes institucións.

O protocolo asinouse ante a subdirectora xeral de Planificación e Sustentabilidade da Secretaría de Estado de Turismo, Gloria Barba, quen felicitou aos promotores da iniciativa e manifestou o seu grande interese pola mesma, comprometendo, na medida do posible, a colaboración da Secretaría de Estado tanto institucional como economicamente. Novos destinos xa amosaron o seu interese en participar na Asociación, polo que é previsible que a mesma consiga unha ampla representación en toda España.

Compartir: