ALCALDÍA

Un modélico edificio de vivendas en Fontiñas fará posible a vida activa das persoas con discapacidade

04/02/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou o edificio de vivendas que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) puxo en marcha hai mais de ano e medio na rúa Dublín, en Fontiñas. Acompañárono nesta visita o presidente da entidade, Anxo Queiruga, e o secretario da mesma, Ignacio Rodríguez.

Este edificio de vivendas xurdiu da necesidade de que a as persoas con discapacidade poidan levar unha vida independente se contan con recursos axeitados. Así naceu a idea da construción dunha promoción inmobiliaria destinada a estas persoas, unha iniciativa na que o Concello colaborou dende o inicio.

O alcalde destacou a novidade desta proposta, da que "non hai antecedentes en España". Destacou a calidade do proxecto arquitectónico e a funcionalidade interior, "con amplos corredores, fiestras á altura axeitada, automatismos para abrir portas e fiestras, etc". Sánchez Bugallo expresou o "orgullo" do Concello por ter colaborado nesta iniciativa e felicitou a Cogami polo seu traballo.

Pola súa parte, Anxo Queiruga resaltou que, entre as 20 vivendas, hai oito preparadas para persoas con discapacidade física severa, que ocuparán persoas que nestes intres teñen o seu emprego. Entre os futuros equipamentos, destacou a pequena piscina para rehabilitación que se fará. Finalmente referiuse á idoneidade da situación do edificio en Fontiñas, por todas as instalacións que hai no barrio, e amosou o seu desexo de que no futuro haxa vivendas deste tipo en todos os edificios.

Vinte vivendas
O inmoble ten vinte vivendas deseñadas pensando nuns inquilinos con mobilidade reducida. Así, os espazos son amplos e a domótica é un aspecto tecnolóxico presente en todo o edificio.

As vivendas teñen entre 80 e 90 metros cadrados, e contan con dous ou tres dormitorios. Sitúanse nun edificio de catro plantas con garaxes no soto pensados para condutores en cadeira de rodas e trasteiros no último andar.

Servizos complementarios
Os baixos do edificio están pensados para acoller uns servizos que poidan precisar os inquilinos do inmoble, tales como un centro de rehabilitación e mantemento, con actividades de fisioterapia, ximnasia e hidroterapia. Para este espazo reserváronse 170 metros cadrados.

Tamén está en proxecto crear un punto de teleasistencia, grazas ao cal cada usuario disporá dun terminal conectado telefonicamente a unha central de ordenadores que proporcionará comunicación e seguridade en situacións de necesidade. O usuario recibirá resposta instantánea e, se o precisa, persoal especializado para atendelo con urxencia.

Finalmente, estase traballando na posta en marcha de servizos de catering, de lavandería e de axuda no fogar. Para estes servizos habilitouse un espazo de 45 metros cadrados, que podería chegar ata os 11.

Os inmobles, de promoción autonómica, foron adquiridos en propiedade polos usuarios. A obra está rematada e, nun prazo aproximado de dous meses, os propietarios estarán vivindo xa nos seus novos fogares.

Documentos relacionados



Compartir: