XUNTA DE GOBERNO

Festas destina máis de 120.000 euros ás festas do Antroido

03/02/2009 A Xunta de Goberno local aprobou un orzamento de 120.498 euros para as festas do Antroido. Entre outros acordos, tamén se deu o visto bo a obras de reforma do alumeado público en Pontepedriña e a varios programas educativos e de centros socioculturais.

O programa das festas do Antroido desenvolverase dende o 21 ata o 25 de febreiro. Incluirá o habitual pregón, o desfile do martes de Antroido, a queima do meco e diversas actividades que serán presentadas en breve polo concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro. O Goberno local tamén aprobou as bases do concurso do martes de Antroido.

Educación
En materia de Educación, deuse o visto bo ao Plan de dinamización das escolas rurais, cun orzamento de 9.267 euros. Esta iniciativa está dirixida a nenos e nenas con idades de 6 a 12 anos das zonas rurais do municipio.

Ademais, aprobáronse as bases da sétima edición dos premios Educacompostela, que contarán cun orzamento de 4.500 euros. Este certame recoñece e difunde os recursos educativos en prol da innovación, a calidade educativa e a renovación pedagóxica. O prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 30 de xuño de 2009.

Servizos
Outro acordo da Xunta de Goberno foi a autorización á empresa Daviña para executar as obras de reforma de alumeado público nas vivendas do grupo Cardeal Quiroga Palacios, en Pontepedriña. O investimento nesta actuación será de 98.981 euros.

Estas obras forman parte do contrato de xestión do servizo de iluminación municipal. En concreto, englóbanse na partida 150.000 euros destinada a obras de mordernización, reformas ou ampliacións do alumeado, ou traballos que redunden en melloras no aproveitamento enerxético.

Cidade Histórica
No ámbito de Cidade Histórica, aprobouse definitivamente unha axuda no marco do Programa de mantemento de edificios por importe de 5.017 euros, para unha vivenda na praza do Toural. Inicialmente, deuse o visto bo a dúas axudas para elementos especiais de madeira en dous edificios nas rúas Orfas (8.721 euros) e Cardeal Payá (4.787 euros), e para un local comercial na praza de Abastos (5.654 euros).

Deportes
En canto a Deportes, acordouse destinar unha partida de 18.000 euros para mantemento das instalacións deportivas. Inclúense diversos arranxos, compra de material para o mantemento xeral das instalacións e compra de materiais para os boticas de primeiros auxilios. Outra partida, neste caso de 12.000 euros, será empregada para os trofeos deportivos a outorgar durante o 2009.

Ademais, aprobouse a revisión do prezo de adxudicación do contrato de vixilancia do Estadio de San Lázaro conforme á variación do IPC. De tal xeito, queda establecido en 83.588 euros.

Benestar Social
Dous dos acordos en materia de Benestar Social teñen que ver coa solicitude de subvencións para varios programas. Así, demandarase á Deputación da Coruña unha subvención de 45.000 euros para o programa Acción educativa na rúa e familias en situación de conflito. O programa ten un custo total de 57.230 euros.

Ademais, solicitarase, neste caso á Consellería de Traballo, unha axuda de 19.805 euros para a implantación e desenvolvemento dun banco municipal de tempo e de plans de programación do tempo na cidade. O Concello achegaría a maiores 16.591 euros a esta iniciativa.

Na Xunta de Goberno tamén se deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e o Concello para a contratación e posta en funcionamento dun equipo de inclusión sociolaboral, no marco do II Plan Galego de Inclusión Social. En virtude deste acordo Vicepresidencia achega 130.750 euros.

Centros Socioculturais
Finalmente, aprobouse o xurado, as bases e o gasto (3.500 euros) dos certames literarios Aurelio Aguirre e José Saramago para o 2009. Estas convocatorias, realizadas pola Rede de Centros Socioculturais, fomentan a lectura e a creación literaria.

Documentos relacionados



Compartir: