EDUCACIÓN

As ONG buscan a implicación solidaria dos composteláns

31/01/2009 O centro comercial Área Central acolleu o X Foro de Organizacións Non Gobernamentais, co que se abre a Quincena da paz, a convivencia e a solidariedade. Neste encontro, as ONG quixeron dar a coñecer o seu traballo solidario aos composteláns.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, achegouse ata este punto solidario para visitar os postos informativos das diversas ONG. Foi unha xornada para presentar experiencias e para participar en diversas actividades. Os que se achegaron ata Área Central puideron participar en contacontos, en obradoiros de artes plásticas e mesmo nun chocolate solidario. Tamén houbo música, da man da Banda Municipal, e a lectura dun manifesto pola paz a cargo da escritora Marilar Aleixandre.

O Foro das ONG abre o programa da Quincena da paz, a convivencia e a solidariedade. Nestes días, os centros educativos teñen á súa disposición unha ampla variedade de recursos didácticos. Se así o solicitan, membros destas ONG desprazaranse ata os colexios para explicar o seu traballo ou desenvolver actividades como exposicións, obradoiros, contacontos ou reparto de materiais educativos, entre outras. Con tal fin, a Concellería de Educación editou unha publicación na que se recolle unha relación de 29 ONG, con explicación dos seus obxectivos e recursos dispoñibles.

Documentos relacionados



Compartir: