PLENO

Visto bo do Pleno á construción do Museo de Historia Natural e do edificio de Portos de Galicia

29/01/2009 Coa aprobación definitiva polo Pleno das modificacións puntuais do Plan especial da Cidade Histórica no ámbito do Parque Universitario de Vista Alegre e do Plan parcial do SUNP-16 de Volta do Castro, é xa posible acometer a construción, respectivamente do Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" e do novo edificio de Portos de Galicia.

Cos votos favorables de todos os grupos municipais, o Pleno deu o visto bo definitivo á modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica (PE-1) no ámbito da EU-4, no Parque Universitario Vista Alegre. O Consorcio poderá así afrontar a construción do Museo de Historia Natural "Luis Iglesias", cuxo proxecto, redactado pola Universidade de Santiago, será en breve presentado, para logo sacar as obras a licitación.

Os cambios teñen que ver coa reordenación do volume edificable. Así, os denominados bloques D e F –os únicos pendentes de edificación- concéntranse nun único bloque de planta rectangular. Este edificio ponse en contacto co itinerario peonil que discorre pola beira leste do parque, paralela ao rego dos Sapos. O novo bloque previsto zoupa unha superficie de 1.700 metros cadrados de solo e ten unha superficie edificada total de 3.520 metros cadrados construídos.

Por outra parte, tamén por unanimidade, aprobouse definitivamente a modificación puntual do Plan parcial do SUNP-16, na parcela OF-1, en Volta do Castro. Deste xeito, o Concello pode xa tramitar a concesión da licenza de construción do novo edificio de Portos de Galicia.

Neste caso, os cambios teñen que ver coas distancias mínimas a garantir entre a edificación sobre rasante e o bloque residencial situado ao norte, separadas ambas por un espazo público peonil.

Cómpre salientar a singularidade desta nova sede institucional de Portos de Galicia, con nove plantas de 400 metros cadrados cada unha. No deseño deste edificio –definido a través dun concurso de ideas– tiveron moita importancia as condicións paisaxísticas do lugar, tendo en conta a topografía do terreo, o carácter periférico da localización e o contorno natural do lugar.

Compartir: