TURISMO

Carpaccio para os máis pequenos da casa con "Santiago Repetirás"

28/01/2009 O Parador Hostal dos Reis Católicos acolle o sábado 31 de xaneiro, ás 18:00 horas, un novo taller gastronómico para nenos e unha cata de viños maridados con produtos galegos, dentro das actividades do programa Santiago Repetirás, organizadas por Turismo de Santiago.

Os cativos e cativas aprenderán, da man de tres monitores especializados, a preparar un prato sofisticado como o carpaccio. Os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos poden participar nestes talleres gastronómicos infantís, no que ademais de a cociñar aprenden a importancia de manter correctos hábitos alimenticios. O prezo da actividade é de 5 euros e poden participar nela ata 30 pequenos.

Ao mesmo tempo, os adultos poden aprender da man dun sumiller os diferentes pasos a seguir para catar un viño, nesta ocasión da D.O. Valdeorras, e as conservas de produtos galegos coas que mellor marida cada variedade. Por 5 euros, 40 persoas poden achegarse a esta nova cata guiada.

Con estas actividades, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo ten por obxectivo facer da enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Os talleres e catas están abertos tanto a turistas como a composteláns e compostelás, previa reserva de praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

As vindeiras actividades terán lugar o sábado 14 de febreiro cunha cata guiada de viños da D.O. Ribeira Sacra e queixos da D.O. San Simón da Costa, e un Taller Gastronómico para nenos no que aprenderán a preparar doces típicos do Entroido coma orellas e rosquillas.

Ademais, ata o mes de marzo, visitantes e veciños e veciñas de Santiago poden degustar menús e tapas da cociña do inverno durante as fins de semana en 35 bares e restaurantes da cidade, preparados en base a produtos desta estación e cun protagonismo especial de caldos e guisos. Na oficina de Turismo de Santiago ou nos estabelecementos adheridos pódese solicitar unha Guía Gastronómica cunha relación dos participantes e a súa oferta culinaria.

Compartir: