UMAD

Un taller da UMAD orienta a pais e nais na educación para a responsabilidade e a independencia

28/01/2009 A Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) segue a desenvolver diversas actividades preventivas destinadas a pais e nais. Nestes intres está en marcha unha nova edición do taller "Sinalando límites. Educar para a responsabilidade e a independencia", no centro Escolar Compañía de María e no Centro Abeiro (Cáritas).

Esta iniciativa, no marco do Programa de pais e nais para a educación, pretende incrementar as competencias dos pais e nais para facer máis improbable a implicación dos seus fillos e fillas en estilos de vida insáns. Ao longo de catro sesións polas tardes, a psicóloga do equipo de prevención da UMAD María José Blanco proporciónalles aos pais e nais estratexias e información que lles axuden a ensinar as súas regras de forma clara e sinxela, potenciando os recursos preventivos que xa posúen. Trátase de que melloren a súa comunicación e establezan uns límites cos nenos e nena.

Esta semana comezan as sesións no Centro Abeiro, mentres que no Compañía de María xa están pola terceira sesión. Con anterioridade, este mesmo taller impartiuse no CEIP Rodríguez Xixirei (Lavacolla).

Dende a UMAD estímase que a familia ten un papel indiscutible na prevención de condutas insás, por ser a única institución na que o individuo participa durante toda a súa vida e, como tal, debe ter un papel activo na prevención de condutas tales coma o consumo de drogas.

Os programas dirixidos a pais e nais traballan contidos como a educación dos fillos e das fillas, os recursos e ferramentas educativas para os pais e as nais, as dificultades na relación cos fillos e fillas, a comunicación ou a autoestima, entre outros. Ademais, son un espazo de diálogo e de escoita onde compartir as experiencias dos e das participantes.

Compartir: