XUNTA DE GOBERNO

O Concello inicia as obras de emerxencia motivadas polo temporal en Xoán XXIII, Amio e varias instalacións deportivas

27/01/2009 A Xunta de Goberno aprobou con carácter de urxencia a relación de obras de emerxencia ocasionadas polo temporal na noite do 23 e 24 de xaneiro. Procederase de inmediato á realización destas obras, cun custo avaliado inicialmente nuns 300.000 euros.

A realización urxente destas obras ten como fin garantir a seguridade das persoas que fan uso das instalacións danadas ou transitan polas rúas afectadas. Así, o investimento máis importante, uns 120.000 euros, realizarase na reposición do acristalamento que cobre a marquesiña da Xoán XXIII, danado parcialmente polo vento.

A meteoroloxía tamén foi a responsable do levantamento da cuberta dunha das naves do Mercado Nacional do Gando, en Amio, cunha superficie afectada duns 250 metros cadrados. Igualmente foi desprazada polo vento a cuberta dos vestiarios do polideportivo Apóstolo Santiago, no que a superficie afectada foi duns 350 metros cadrados.

Outras dúas instalacións deportivas resultaron danadas. En concreto, rompeu o peche da malla do campo de fútbol de Conxo e a do recinto das Cancelas.

Obras de reurbanización
Tamén en materia de infraestruturas, elevouse a definitiva a adxudicación da redacción de varios proxectos de reurbanización. Trátase das obras na rúa Xeneral Pardiñas (tramo entre Montero Ríos e Carreira do Conde), na rúa Curros Enríquez, nun tramo da avenida de Vilagarcía-García Prieto-Sánchez Freire e na rúa Londres. En total, a redacción destes proxectos ten un custo de 167.363 euros máis IVE.

Promoción Económica
No ámbito de Promoción Económica, o Goberno local aprobou o prego de cláusulas administrativas e iniciou o expediente para contratar a organización do evento Outlet Compostela 2009, cun tipo máximo de licitación de 33.620 euros máis IVE. Así mesmo, deuse o visto bo ás campañas previas de captación de expositores e de público, con orzamentos de 5.000 e 12.000 euros, respectivamente.

Mobilidade
Outro acordo da Xunta de Goberno foi a prórroga do contrato de xestión, mediante concesión, dos servizos de ordenación, regulación e aparcamento de vehículos na vía pública e retirada de depósito de vehículos no municipio de Santiago. A extensión do contrato comeza a contar o 1 de febreiro.

Medio Ambiente
En Medio Ambiente, decidiuse solicitar á Comunidade Autónoma a cesión dunha parcela en Santa María de Villestro. O Concello quere proceder á limpeza desta superficie para acondicionala como zona de lecer e punto de encontro dos veciños da parroquia. Implantarase céspede e arborado e instalaranse mesas de merendas.

Urbanismo
Tal como se anunciara tras o seu coñecemento, aprobouse o texto do convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta, o Concello e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), para a remodelación da estación ferroviaria de Santiago e a actuación urbanística na súa zona de influencia.
Persoal

Finalmente, na área de Persoal, aprobouse o Plan de Formación Continua do Concello para 2009, así coma o seu orzamento, 156.298 euros.

Documentos relacionados



Compartir: