TURISMO

Compostela presenta en China un plan de turismo integral para a cidade patrimonio de Qu Fu

06/10/2005 O concelleiro de Turismo, Francisco Candela, presentou en rolda de prensa un balance do traballo realizado polos representantes de Turismo de Santiago e do Concello a pasada semana en Qu Fu, Cidade Patrimonio da Humanidade obxecto do programa de revalorización turística Asia URBS Heritage da Comunidade Europea, liderado por Santiago de Compostela e Rennes.

O concelleiro de Turismo, Francisco Candela; o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi; e o responsábel da Oficina de Rehabilitación do Consorcio, Angel Panero, foron os encargados de representar a Compostela na reunión do proxecto ‘Asia URBS Heritage for Qu Fu 2005-2007’, un evento que serviu para presentar a esa cidade un Plan de Turismo de factura compostelá e para formalizar un protocolo de intencións que culminará proximamente co irmanamento de ambas cidades.

De acordo con Candela, esta viaxe ‘abre unha porta definitiva para a entrada comercial e turística da imaxe de Compostela en China’, pois se produce a través de Qu Fu, unha cidade que, como a capital galega, é tamén meta de peregrinación e Patrimonio da Humanidade pola Unesco desde 1986.

Dadas as características de Qu Fu, a preocupación dos expertos de Rennes e Santiago de Compostela, coordinadores do programa URBS, céntrase na elaboración dun proxecto que permita o desenvolvemento harmonioso da cidade e a valorización turística do seu patrimonio, en momentos en que se aproxima a celebración dos Xogos Olímpicos de Pekín de 2008.

Os responsábeis composteláns asistiron en China a diversas xuntanzas relacionadas co proxecto, como o Comité Científico e Técnico, o Comité de Pilotaxe e o primeiro seminario internacional titulado ‘Protección e valoración do patrimonio de Qu Fu: unha cooperación entre China e Europa’.

Compostela aporta un plan de turismo
O intenso programa e actividades abriuse o 27 de setembro cunha reunión do Comité Científico e Técnico de Asia URBS, na que o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, presentou o informe de actuacións realizadas na capital galega no marco do proxecto, que incluían unha reunión cos expertos de Rennes en febreiro e a organización da visita das autoridades de Qu Fu, o pasado mes de abril, para preentarlles os programas de urbanismo, rehabilitación do casco histórico e turismo que desenvolve Compostela.

Nesa mesma xornada aprobouse o documento elaborado por Santiago sobre ‘Directrices previas para a elaboración dun Plan de Turismo en Qu Fu’, que orientará a posta en valor turístico do patrimonio desa cidade.

Seguidamente produciuse a reunión do Comité de Pilotaxe do programa, composto polo alcalde de Qu Fu, Jiang Cheng; o representante de Compostela, Francisco Candela; o alcalde de Rennes, Edmond Hervé, e o experto independente Marc Menguy, que asinaron o protocolo de desenvolvemento do Plan de Accións 2005-2006, previamente debatido polo comité científico.

Finalmente, o mesmo día 27 Gaztelumendi e Angel Panero realizaron un traballo de campo na cidade histórica para identificar o espazo no que se desenvolverán os proxectos piloto de rehabilitación e o plan dinamización turística. Os detalles completaranse en outubro durante unha nova xuntanza do comité técnico en Rennes.

Protocolo de intencións: porta aberta ao irmanamento
O mércores 28 comezou cunha cerimonia relixiosa no templo Kong de Confucio, durante a cal a cidade de Santiago de Compostela realizou unha ofrenda polo aniversario do nacemento do filósofo.

Pola tarde, a reunión do Comité Internacional de Pilotaxe, coa asistencia do alcalde de Qu Fu, aprobou a proposta compostelá de subscribir un Protocolo de Intencións para o Irmanamento das cidades de Qu Fu e Santiago de Compostela, documento que asinaron Jiang Cheng e Candela o día 29 no Hotel Queli, sede do seminario.

O resto do día 29 estivo reservado ao seminario ‘Protección e valoración do patrimonio de Qu Fu: unha cooperación entre China e Europa’, no que Gaztelumendi e Panero explicaron o modelo de desenvolvemento turístico de Compostela e o programa de rehabilitación arquitectónica da cidade histórica., respectivamente. Candela, pola súa parte, interveu cun relatorio sobre a caracterización dun destino turístico cultual.

Ao remate da viaxe, xa na capital chinesa, Beijing, a delegación compostelá mantivo unha xuntanza co embaixador de España en China, José Pedro Sebastián de Erice, co gallo de informalo sobre a participación da capital galega no proxecto Asia URBS e sobre o protocolo de intencións asinado para o irmanamento de Compostela e Qu Fu.

Nesa oportunidade, o embaixador español trasladou ao Concello de Santiago o seu recoñecemento pola iniciativa da cidade no mercado chinés, e animou á delegación a tomar parte no Foro España-China, que se celebrará en Shanghai en marzo de 2006, e que podería servir de marco para a sinatura definitiva do Protocolo de Irmanamento.

Compartir: