TURISMO

Santiago mantén o seu liderazgo turístico entre as cidades Patrimonio e da España Verde

26/01/2009 O número de pernoctacións en Santiago no ano 2008 foi de 1.124.881, fronte ás 1.153.533 do 2007, o que supón unha baixada do 2,48%, segundo os datos do INE. Para valorar os datos hai que ter en conta dous factores: por unha banda prodúcense nun entorno de crise económica internacional que está a afectar ao sector; por outra prodúcense fronte ao ano 2007, no que Santiago viviu un dos mellores anos turísticos da súa historia, converténdose no destino urbano do Estado con maior crecemento –un 13,82%. De feito, no ano 2008, malia a crise, houbo un crecemento do 10,07% fronte ás 1.021.930 pernoctacións do ano 2006.

No 2008 houbo 760.355 pernotacións de turismo doméstico, fronte ás 765.479 do ano 2007, un lixeiro descenso do 0,67%. Respecto do turismo internacional, no 2008 houbo 364.526 pernotacións de turistas estranxeiros, fronte ás 388.054 do 2007, cun descenso do 6,06%. Estes datos seguen a tendencia do resto do Estado, no que en termos xerais se produciu unha baixada do turismo internacional, debida á difícil situación económica que está a afectar aos principais mercados emisores para España, como Alemaña ou o Reino Unido. Supoñen un descenso menor ao rexistrado en Galicia, que foi do 2,93%.

Estes datos apuntan que Santiago soubo manter o ser atractivo para o resto de España nun momento no que o sector turístico global está a vivir unha situación complicada, e respaldan as iniciativas de Turismo de Santiago de duplicar os esforzos da campaña de desestacionalización no mercado español e de asinar un convenio con Viajes El Corte Inglés, a maior axencia de viaxes estatal, para a promoción e comercialización da oferta da cidade na Península Ibérica durante o 2009.

Os datos tamén apuntan que Santiago continúa liderando en número de pernoctacións aos destinos turísticos comparables englobados nos grupos da España Verde (composta por País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia) e das Cidades Patrimonio. Ademais (como se pode ver nos cadros adxuntos) amosan que Santiago foi unha das cidades que mellores datos tivo no difícil ano 2008 e indican que será unha das que mellor aguante o ano 2009, respecto do cal hai unha grande incertidume pola situación económica.

Dende a Concellaría de Promoción Económica e Turismo considérase que o ano 2008 foi un ano difícil para o sector turístico debido ao contexto económico, durante o cal Santiago soubo competir e manter o seu atractivo. Os datos amosan unha baixada fronte ao 2007, pero tamén indican un importante crecemento do 10,07% respecto do 2006, polo que se considera que Santiago no 2008 continuou consolidando o seu posicionamento como un destino turístico de referencia.

Documentos relacionados



Compartir: