PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Plataforma de Intermediación Laboral da Concellaría de Promoción Económica colabora con 723 empresas

23/01/2009 A Plataforma de Intermediación Laboral da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo ten introducidos datos de 723 empresas fidelizadas e de 2.004 persoas que procuran emprego ou buscan mellorar as súas expectativas laborais. No último trimestre (novembro, decembro e xaneiro) estas empresas solicitaron persoal para cubrir 134 postos de traballo. O aplicativo informático da Bolsa de Emprego ten como obxectivo facilitar a prestación do servizo a través dunha xestión áxil e eficaz das ofertas e das demandas laborais.

Con 417 destas empresas estableceuse contacto despois dun estudo de prospección do mercado laboral e do tecido empresarial da área de Santiago. O resto son empresas que colaboran ou colaboraron coa Concellaría, acollendo práticas de alumnado de programas de formación ou de inserción laboral, como Proxecto Crear, ou empresas que en algún momento enviaron á Concellaría ofertas de emprego.

A Bolsa de Emprego concíbese coma un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego así coma a intermediación laboral coas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes. Un equipo de técnicos expertos en orientación-inserción profesional realiza unha entrevista a cada un das persoas usuarias para elaborar a diagnose do proxecto profesional. Esta diagnose sirve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar.

Todas as solicitudes presentadas na Bolsa de Emprego introdúcense na Plataforma de Intermediación Laboral, que ten como obxectivo mellorar a prestación do servizo. O sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, ao crear bases de datos e rexistros cualificados que facilitan o servizo de ofertas laborais ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respecta sempre a confidencialidade das/os usuarias/os.

Ademáis, a Bolsa de Emprego dispón dun listado de ofertas de emprego actualizado diariamente que se envía por correo electrónico a todas as persoas usuarias do servizo e/ou participantes en programas de emprego da Concellaría. Este boletín de ofertas de emprego tamén está a disposición das persoas que visitan as oficinas de Promoción Económica e Emprego.

Compartir: