ALCALDÍA

O gasto para atención social medra un 60% nos orzamentos de 2009

23/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, analizou na súa rolda de prensa semanal os orzamentos para 2009. Destaco o incremento que se produce nos gasto para atención social e para a xeración de emprego, así como a cantidade destinada a investimentos.

Apuntou Sánchez Bugallo que o gasto para atención social experimenta un crecemento medio do 60%. Tamén salientou subas significativas como as do mantemento dos centros educativos, que pasa de 172.000 a 352.000 euros; dos centros culturais, de 72.000 a 122.000 euros; ou da cantidade destinada a entidades que prestan servizos sociais, que pasa de 408.000 a 772.000 euros.

Sobre outras grandes cifras do orzamento, o alcalde quixo puntualizar que o orzamento "real" do Concello ascende a 159.201.807 euros, xa que cómpre computar os orzamentos dos organismos autónomos e empresas xestionadas polo Concello, tales como INCOLSA, EMUVISSA, TUSSA ou o Auditorio de Galicia. Por esta mesma razón, o gasto en investimentos reais é de case 49 millóns de euro, aos que hai que engadir máis de 2 millóns de euros de transferencias que realiza o Concello para acometer obras, como por exemplo do Mercado de Abastos.

Lembrou Sánchez Bugallo que nesta cantidade non se inclúen nin os 16,5 millóns de euros do fondo estatal, nin os máis de 4 millóns que o Concello pode solicitar como crédito suplementario, ao incrementarse legalmente a capacidade de endebedamento. Así, sumadas todas as cantidades, a cantidade destinada a investimentos alcanzaría os 72 millóns de euros.

As contas municipais, aprobadas nunha Xunta de Goberno extraordinaria o xoves 22, irán ao Pleno Municipal ordinario do xoves 29 de xaneiro.

Compartir: