EDUCACIÓN

O Concello e Ibercaja convidan a máis de 2.000 escolares a descubrir o mundo da danza

22/01/2009 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou as oito funcións para escolares de 4 a 8 anos da obra didáctica A cama voadora que se celebrarán no Teatro Principal do 26 ao 29 de xaneiro. Esta iniciativa pretende desenvolver as capacidades estéticas dos nenos e nenas e crear neles unha afección que se irá enriquecendo ao longo da súa vida.

A cama voadora é un espectáculo de danza contemporánea de Calamar Teatro inspirado nun dos contos máis coñecidos da tradición islandesa. Aproveita a expresividade, a creatividade e o movemento do baile para transmitir, mediante títeres e sombras chinesas, este mundo da danza aos máis pequenos..

A obra conta a historia de Hilini, o único fillo da raína, que desapareceu no bosque. A súa nai ofrecerá a metade do seu reino a quen lle devolva ao pequeno príncipe. A súa salvadora será Signy, a filla duns campesiños que o atopan na cova dunha troll.

Baixo a dirección de Natalia Wirton e ao son da música de Germán Díaz, unha caixa de música, zanfona, acordeón, frauta, violas ou sitar somerxen ao pequeno nun mundo máxico: un bosque, un príncipe perdido, unha malvada troll e o seu cisne encantado, o ovo da vida, as palabras máxicas e... a cama voadora.

Os alumnos e profesores dispoñen dunha unidade didáctica sobre a obra que van ver para que poidan traballar posteriormente estes contidos na aula. As sesións celebraranse o luns 26, ás 12:00 horas; o martes 27, ás 10:00, 12:00 e 16:00 horas, o mércores 28, ás 10:00 e 12:00 horas, e o xoves 29, ás 10:00 e ás 12:00 horas.

Oito sesións e unha unidade didáctica
Participarán 2.067 alumnos dos seguintes centros escolares: Cardeal Quiroga Palacios, Raíña Fabiola, López Ferreiro, Compañía de María, A Milagrosa, Nosa Señora dos Remedios, San Francisco Javier, A Inmaculada, Fontiñas, Peleteiro, Pío XII, Vilas Alborada, Ramón Cabanillas, San Xurxo, Apóstolo Santiago, Lamas de Abade, Mestre Rodríguez Xixirei, Roxos, Casas Novoa, San Paio e Divino Mestre.

A Concellaría de Educación fai posible estas representacións grazas á colaboración da Obra Social de Ibercaja. O director desta entidade en Santiago, Javier Ferro Villegas acompañou a Guadalupe Rodríguez na representación e anunciou outra actividade, neste caso para alumnos de secundaria e bacharelato, que celebrará do 16 ao 18 de febreiro. Titúlase A historia do século XX a través do rock.

Compartir: