CULTURA

Santiago será unha das paradas do "FranceDanse Europe"

22/01/2009 Compostela será un dos escenarios onde se desenvolverá o programa FranceDanse Europe, organizado polo Culturesfrance, operador do Ministerio de Asuntos Exteriores e Europeos, e o Servizo Cultural da Embaixada de Francia en España. En concreto será o 19 de abril cando a compañía francesa de Catherine Diverrés presentará no Auditorio de Galicia, dentro do ciclo SCQ Danza, o seu espectáculo A quinta do xordo.

Este FranceDanse, que comezará o 23 de xaneiro no Teatro central de Sevilla e finalizará o 10 de xuño, tamén en Sevilla, pero na Maestranza, pasará, ademais de por Compostela, por Barcelona, Bilbao, Xixón, Granada, Madrid, Murcia, Pamplona, Sevilla, Valencia e Vitoria. Un programa que fará que o público español goce coa diversidade das estéticas francesas e a orixinalidade das súas creacións e que coloca unha vez máis a Compostela, nun dos escenarios máis relevantes do circuíto cultural de España.

Dez compañías presentarán 51 representacións, o mellor da danza contemporánea actualmente en Francia, con obras que experimentan novas escrituras coreográficas, como a de Catherine Diverrés, na cal traballa con Monica Valenciano e que, ademais de en Compostela, estará en Xixón e Madrid. Diverrés chegará a Compostela da man do SCQ danza, festival organizado pola Concellaría de Cultura.

Diverrés e A quinta do xordo
Na súa peza A quinta do xordo pretende deixar xurdir as afinidades electivas, compartir unha escritura máis aló dás fronteiras e dos medios. A obra permite un poder de ruptura e de apertura, deixando espazo á urxencia poética. A partir da referencia á vivenda do pintor Goya -onde pintou a serie das pinturas negras- Catherine Diverrès cuestiona as fronteiras físicas, xeográficas e mentais, os límites entre pasado e presente, soño e realidade.

O director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, participou en Madrid na presentación deste evento xunto con Paz Santa Cecilia, directora do Festival Escena Contemporánea; Antonin Baudry, conseiller cultural; Bruno Delaye, embaixador de Francia en España; e Amado Jiménez Precioso, director xeral de Promoción Cultural da Comunidade de Madrid.

Compartir: