ALCALDÍA

Homenaxe a unha liña ferroviaria clave nas comunicacións de Galicia con Madrid

20/01/2009 O Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche acolle a exposición "50 anos da liña de ferrocarril Zamora-Ourense-Santiago-A Coruña". A mostra quere resaltar así a efeméride dunha liña clave nas comunicacións ferroviarias entre Galicia e Madrid.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a exposición, que recorda aquel 8 de setembro de 1958, cando se inaugurou o último tramo da liña O Carballiño- Santiago de Compostela. Era o terceiro tramo da liña férrea Coruña-Zamora e concluía así unha obra iniciada trinta anos antes.

Un tren remolcado pola emblemática locomotora ALCO 1800 realizou por primeira vez o traxecto dende Ourense a Santiago de Compostela atravesando as accidentadas terras da Galicia central. O vello soño de Galicia de dispor dunha conexión rápida e cómoda co centro da Península facíase realidade. Un proxecto faraónico, cuxos primeiros esbozos remóntanse a cen anos antes e cuxa construción precisou de máis de tres décadas e empregou a máis de 10.000 persoas.

453 quilómetros de trazado preparado para dobre vía, 182 túneles, máis dunha vintena de grandes viadutos, monumentais estacións e nin un só paso a nivel. Era naqueles momentos o ferrocarril máis moderno de España.

As Asociacións de Amigos do Ferrocarril de Zamora (AFZ), Ourense (Carrileiros de Foula) e Santiago de Compostela (ACAF), apoiadas pola Federación Española de Asociacións de Amigos del Ferrocarril FEAAF, organizan esta exposición. O seu obxectivo é render homenaxe ao traballo e sacrificio de tantas persoas que deixaron a vida nela, e contribuír á defensa e difusión do patrimonio industrial, arquitectónico e técnico que o ferrocarril Zamora-Coruña posúe.

A exposición consta de 20 paneis ilustrados con fotografías e organizados en 4 apartados, dedicados á historia e construción da liña, aos aspectos técnicos, ás historias humanas e á actualidade e futuro da liña.

Compartir: