XUNTA DE GOBERNO

Obras no Camiño e nos centros socioculturais para completar a participación do Concello no fondo estatal

20/01/2009 A Xunta de Goberno deu o visto bo aos restantes seis proxectos de obras que se financiarán grazas ao Fondo Estatal de Inversión Local e que serán remitidos ao Ministerio de Administracións Públicas. Estes proxectos súmanse aos 27 que se aprobaran na anterior Xunta de Goberno.

Os seis proxectos supoñen un investimento total, IVE incluído, de 1.624.197 euros. A contía máis importante destínase a tres proxectos que teñen que ver con melloras no Camiño de Santiago. Así, dedícanse 362.079 euros á rehabilitación e sinalización do Camiño de Santiago a Fisterra no seu tramo no municipio, e outros 277.646 a unha actuación semellante no Camiño Francés. A isto hai que sumar outros 360.284 euros para a integración paisaxística do contorno do Camiño Francés na estrada N-634.

En canto aos outros tres proxectos, un deles consiste na reforma e acondicionamento dos edificios da Rede de Centros Socioculturais: A Trisca, Conxo, Vite, Amio, Busto, Marantes, Grixoa, Nemenzo e Lamascal. Investiranse 300.440 euros. Por outra parte, destínanse 205.038 euros á dotación de acceso a internet a través da rede Wimax nas parroquias de San Martín de Aríns e Santa María de Figueiras. Finalmente, a ampliación do abastecemento no lugar de Barciela terá un custo de 118.709 euros.

Orzamentos
Por outra parte, o concelleiro de Facenda e Orzamentos, Andrés Fariña, presentou á Xunta de Goberno o orzamento municipal para 2009, que ascende a 125,6 millóns de pesetas. Coñecido o seu contido, os orzamentos serán ratificados por unha Xunta de Goberno extraordinaria o xoves 22 de xaneiro. Posteriormente serán elevados ao Pleno municipal do 29 de xaneiro.

Tamén en materia de Facenda, adxudicouse unha asistencia técnica para a realización dunha auditoría dos proxectos de obra do Concello cofinanciados polo FEDER. Trátase de sete proxectos, cuxa auditoría suporá un investimento total de 16.625 euros.

Os proxectos finalizados foron a rexeneración do Monte de Dios, o acondicionamento de Pozo da Neve, o acondicionamento de Moas de Arriba, a reurbanización da rúa Ramón Cabanillas, a renovación de pavimentos nas rúas Lino Villafínez e Modesto Brocos, a reurbanización do tramo de San Pedro de Mezonzo comprendido entre a transversal de Diego de Muros e a Praza Roxa e a reurbanización do tramo de Fernando III el Santo comprendido entre república de Arxentina e a Rosa.

Parques e Xardíns
En materia de Parques e Xardíns, acordouse deixar deserto o procedemento para a contratación do Servizo de Conservación e Mantemento do Parque de Salgueiriños, reservado a centros especiais de emprego. Ao non terse presentado ningunha oferta, iníciase un novo procedemento aberto de contratación.

Para este novo expediente utilizarase o proxecto elaborado pola Brigada Municipal de Parques e Xardíns. O prego de cláusulas administrativas será o mesmo, cun tipo de licitación de 76.381euros máis IVE.

Mercados
No ámbito da Concellería de Mercados, procedeuse á renovación das autorizacións de venda ambulante no Mercado de Salgueiriños para o ano 2009. Esta renovación supón o outorgamento da tarxeta acreditativa e do documento identificativo, que deberá ser exposto de forma visible no posto de venda. A renovación concedéuselle a 138 usuarios.

Igualmente, concédese un prazo de 15 días a aquelas persoas que teñen condicionada a renovación para que acheguen a documentación requirida. De non facelo así, daríaselles de baixa. Quedan pendentes de cumprir este requisito 48 persoas.

Educación
Ademais, o Goberno local aprobou un orzamento de 18.000 euros para acometer traballos xerais de mantemento nas instalacións escolares. Trátanse de obras tan diversas como substitución de cristais, arranxos de portas e fiestras, retoques de pintado, arranxos de material escolar e deportivo, limpezas, transporte e retirada de mobiliario en desuso ou arranxos en xogos, patios, cubertas ou xardíns, entre outros. Tamén se destina unha partida para a compra de materiais de carpintería e outros destinados ao mantemento xeral das instalacións.

Deportes
A proposta do concelleiro de Deportes, deuse o visto bo á celebración do II Campionato Cross de Galicia o domingo 1 de febreiro. Destínanse 15.400 euros a unha proba na que participarán os mellores atletas da especialidade. Coincidindo con esta competición, realizarase tamén o Campionato Galego de Veteranos.

Urbanismo
En Urbanismo, aprobouse inicialmente a modificación puntual do Plan parcial do solo SUNP-6 de San Lázaro e do Plan especial de reforma interior número 5 (PERI-5) do mesmo barrio. A modificación sométese a información pública durante un mes. Igualmente, solicítase á Consellería de Medio Ambiente a declaración de innecesariedade de someter o Plan ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

As modificacións teñen que ver fundamentalmente con axustes na delimitación, coa reordenación de volumes e coa sinalización de novas aliñacións. Tamén se establecen criterios compositivos e estéticos da futura edificación e propóñense criterios de urbanización pormenorizados dos espazos de uso público resultantes.

Compartir: