ALCALDÍA

A estación intermodal terá capacidade para máis de oito millóns de viaxeiros

20/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou o contido do convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para a construción da estación do AVE. É o primeiro paso para lograr unha estación intermodal que terá capacidade para máis de oito millóns de viaxeiros anuais.

Sánchez Bugallo destacou a dimensión da nova estación, que poderá atender uns cinco millóns no caso da estación ferroviaria e outros tres ou catro millóns na de autobuses. Ademais, resaltou o alcalde que o complexo dará servizo a unha área de poboación duns 600.000 pasaxeiros.

Para chegar ao convenio que dá vía libre á construción da estación, a prioridade municipal –indicou- foi, por un lado, manter a cidade no centro da cidade e, polo outro, lograr unha dimensión suficiente para os vindeiros 40 ou 50 anos. O tamaño da estación superará os 20.000 metros cadrados, anunciou o alcalde.

Sobre as estipulacións do convenio, recordou Bugallo que "non hai grandes diferenzas" respecto do aprobado en xullo de 2006. Neste sentido, resaltou como cambio máis importante que naquel documento se prevía un uso comercial e hoteleiro dentro da estación, algo que agora non sucede. Ambos aproveitamentos quedan agora fóra da estación. En particular, establécese un máximo de 20.000 metros cadrados de uso comercial e de 10.000 de uso hoteleiro.

Para compensar esta redución, increméntase o uso residencial ata os 16.000 metros cadrados, dos que un 30% serán para vivenda protexida, fronte ao 20% previsto inicialmente. En total estímase que se construirán unhas 160 vivendas neste ámbito.

Tras a súa ratificación pola Xunta de Goberno, e unha vez sexa tamén aprobado polas outras partes asinantes, o texto someterase a información pública, para posteriormente ser levado ao Pleno municipal. Comezará entón un proceso que levará primeiro á modificación do PXOM e logo á redacción do Plan Especial para esta área, que deberá presentar ADIF. O alcalde confía en que entre 2009 e 2010 poidan estar listos estes dous documentos.

Preguntado pola actual estación do tren, o alcalde indicou que serán os técnicos os que dirán "se pode encaixar e se é conveniente" manter a instalación. Non obstante, reiterou que "non imos hipotecar a nova estación por manter a vella". Neste sentido, lembrou de novo que non se trata dun edificio histórico nin catalogado, e apelou a que non haxa limitacións para un edificio da envergadura da nova estación.

Documentos relacionados



Compartir: