PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica e Caixa Galicia organizan un curso sobre plans de empresa e microcréditos

19/01/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e Xosé Luis Liñares, xestor de Microcréditos da Obra Social Caixa Galicia, presentaron o curso gratuíto Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito. Trátase dunha acción de formación e asesoramento personalizado para o autoemprego e a creación de empresas ,dirixida a persoas emprendedoras cunha idea de negocio que precisen financiamento. O curso enmárcase no programa de fomento do emprendemento Compostela Activa.

O prazo de inscrición no curso, do que se editaron 200 carteis informativos que se colocaron en distintas entidades e zonas de Santiago, comeza o 19 de xaneiro e remata o 4 de febreiro. As persoas interesadas teñen que cubrir un formulario de solicitude e entregalo en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago. Este formulario pódeno solicitar nas oficinas da Concellaría de Promoción Económica ou baixalo da súa páxina web: www.maiscompostela.org. O curso conta con 15 prazas e ten unha duración de 16 horas. Impartirase durante os sábados do mes de febreiro, os días 7, 14, 21 e 28 no Centro de Formación que Promoción Económica ten na rúa de Pérez Constanti, 4.

O curso será impartido por especialistas no apoio á creación de empresas. Contará con contidos prácticos, relacionados coa creación de empresas, a planificación económica e financeira da posta en marcha, a análise de viabilidade e a xestión empresarial. As persoas participantes que e teñan unha idea empresarial poderán recibir asesoramento personalizado para elaborar o seu Plan de Empresa e estudar a viabilidade do seu proxecto. Ao finalizar a elaboración do Plan de Empresa poderán presentar a súa solicitude de microcrédito diante de Caixa Galicia.

Os microcréditos Caixa Galicia están dirixidos a persoas se acceso ao financiamento bancario por insuficiencia de garantías ou de avais. Pódense solicitar ata un importe máximo de 25.000 euros, cun tipo de xuro do 4% e cinco anos de amortización con seis meses de carencia opcionais. Caixa Galicia está especializada en microcréditos sociais, con máis de 3,8 millóns de euros concedidos en 412 operacións que contribuíron á creación de máis de 420 empregos.

Compartir: