ALCALDÍA

O alcalde mantivo o seu encontro anual cos voluntarios de Protección Civil

17/01/2009 Como todos os anos, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, ceou cos voluntarios de Protección Civil para agradecerlles o servizo que prestan de forma desinteresada, non so á veciñanza compostelá, senón aos que visitan a cidade, xa sexa como turistas ou como peregrinos.

O encontro, que tivo lugar no restaurante Carretas, serviu para facer un balance das actividades realizadas por Protección Civil ao longo do ano 2008 e para comentar os preparativos de cara ao xacobeo 2010. Os voluntarios transmitíronlle ao alcalde o plan de organización previsto para o ano santo, que empezará a desenvolverse xa en 2009. Para este servizo, que se encarga de solucionar os diversos problemas que se lles presentan aos peregrinos, o ano previo é mesmo máis complicado que o propio xacobeo, xa que é o ano escollido por grandes grupos de peregrinos para facer o camiño.

O servizo de Protección Civil conta cun total de 30 voluntarios e leva funcionando desde marzo de 1996. Foi o propio Xosé A. Sánchez Bugallo quen impulsou a súa creación cando era concelleiro de Tráfico. Os voluntarios desempeñan unha importante labor de apoio durante a cabalgata de Reis, o Carnaval, as festas do Apóstolo, os concertos, a chegada dos nenos saharauís, o parque infantil de Tráfico, os diferentes actos deportivos, a recollida de animais e a asistencia no Camiño, entre outros.

Durante o encontro, os voluntarios Pilar Domínguez Rodríguez e Santiago Lema López foron distinguidos por levar dez anos cumprindo de forma altruísta e voluntaria co seu labor no servizo.

Compartir: