CULTURA

Cine de calidade e compromiso social na IV edición do Ciclo de Cinema Dereitos Humanos

16/01/2009 Presentouse o programa do Ciclo de Cinema Dereitos Humanos, nado para conmemorar o sesenta aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos e que se celebrará no Teatro Principal do 19 ao 23 de xaneiro con dúas sesións cada tarde a partires das 20:15 horas. A programación, que foi debullada pola concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Elvira Cienfuegos, inclúe cinco filmes sociais comprometidos realizados nos 2007 e 2008, nos que se xunta a calidade cinematográfica co compromiso social, sempre en versión orixinal subtitulada.

Unha das películas máis salientables do ciclo vai ser A cuestión humana, de Nicolas Klotz, unha obra que causou sensación na crítica europea e que non se estreou comercialmente en Galicia. O filme ten como protagonista a Simon, que traballa como psicólogo no departamento de recursos humanos dunha gran multinacional petroquímica. O seu labor consiste na organización de raves e xogos de rol onde os mozos empresarios son levados á extenuación para detectar as súas fraquezas e aptitudes.

Outra das pezas máis destacadas vai ser Tropa de elite, de José Padilha, un filme brasileiro que combina drama e suspense, que narra a historia de A. Nascimento, capitán do BOPE (Batallón de Operacións Especiais da Policía), a quen se lle asigna o mando dun dos grupos que teñen a misión de "pacificar" as favelas do morro de Turano debido á visita de Juan Pablo II. Dende Inglaterra chega Somer Towns, unha comedia dramática de Shane Meadows, que conta as peripecias de Tommo e Marek; un deles vén de saír do reformatorio, o outro é un inmigrante procedente de Polonia.

As dúas obras restantes do ciclo foron realizadas en España. Camino, de Javier Fesser, filme polémico que acumula sete nominacións aos Goya e vén de recibir o Premio Cinematográfico José María Forqué, fálanos dunha nena que se enfronta a dous acontecementos transcendentais: o namoramento e a morte. A súa nai, militante do Opus Dei, tratará de facerlle crer que a súa enfermidade é unha bendición de Deus, pero ela consegue ser capaz de atravesar todas as tenebrosas portas que se pechan ante ela e que pretenden inutilmente sumir na escuridade o seu desexo de vivir, amar e sentirse definitivamente feliz.

Para rematar, atopamos Bucarest, a memoria perdida, na que asistimos á a busca que fai Albert, un xornalista, para recuperar as súas propias raíces, enmarcadas nun dobre exilio: O seu pai, político español, foi obrigado a exiliarse pola súa militancia antifranquista e agora el inicia un novo exilio interior, esta vez sen posibilidades de retorno: loita contra o Alzheimer. Neste documental mestúranse personaxes históricos como Santiago Carrillo, Jorge Semprún, Manuel Fraga ou Jordi Pujol, con episodios pouco coñecidos da loita contra o franquismo e a guerra fría.

As localidades para asistir ás proxeccións poden mercarse no teléfono 902 434 443 e en www.caixagalicia.es, así coma no despacho de billetes do Teatro Principal cada día a partir das 18:00 horas. O prezo de entrada é de 3 euros para cada filme e o abono para as seis películas é de 12 euros.

Documentos relacionados



Compartir: