CULTURA

A Banda Municipal prepara o seu concerto á carta

16/01/2009 O domingo 15 de febreiro, dentro do Ciclo de Concertos de Inverno 2009, a Banda Municipal de Música de Santiago interpretará un concerto á carta. O programa a interpretar nesta ocasión estará composto por obras que o público asistente aos concertos do 18 de xaneiro e do 1 e 8 de febreiro elixirán dun catálogo de propostas.

O público poderá elixir as súas preferencias dun catálogo dividido en seis apartados: música clásica, música española, música galega, música do cine e musical, pezas pequenas e outras. Cada persoa marcará cunha cruz aquelas obras que máis lle gusten, ata un total de dúas en cada apartado, agás no apartado de "outras", no que se poderán marcar as que se desexe.

Unha vez feita a selección depositarase nunha furna instalada no vestíbulo do Teatro Principal os días 18 de xaneiro e 1 e 8 de febreiro, coincidindo cos concertos da Banda. Coas obras máis votadas realizarase o programa do domingo 15 de febreiro.

Concerto do 18 de xaneiro
Para o domingo 18 de xaneiro, a Banda Municipal, dirixida por Casiano Mouriño, preparou un programa composto, na súa primeira parte, por obras de Javaloyes, von Suppé e Asíns Arbo. Despois interpretarán pezas de Cebrián, Serrano e Domingo. A cita, como é habitual, ás 12:00 horas no Teatro Principal.

Documentos relacionados



Compartir: