ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "A estación de Santiago será o principal centro de transporte de pasaxeiros do noroeste peninsular"

16/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse ás xuntanzas mantidas coa Dirección Xeral de Ferrocarrís e con ADIF para matizar algúns aspectos do convenio que dará vía libre á construción da estación do AVE de Santiago. Segundo anunciou, á espera do visto boa o texto do convenio pola Consellería de Política Territorial, o obxectivo é que o texto poida ser ratificado na Xunta de Goberno do martes 20.

Sobre o contido do convenio, o alcalde non quixo anticipar datos concretos antes da súa aprobación, pero indicou que "dende o punto de vista dos parámetros, non difire significativamente do aprobado o 31 de xullo de 2006, aínda que si hai certos matices derivados das leis do solo estatal e autonómica". Tamén recordou que este convenio "non resolve exactamente como vai ser a estación, algo que se desenvolverá a partir do Plan Especial".

En calquera caso, Sánchez Bugallo quixo deixar claro que Santiago aspira a "unha estación do AVE á altura da capital de Galicia e á altura das demandas e necesidades". Así, apuntou que o complexo intermodal (estación do AVE máis estación de autobuses) será "o principal centro de transporte de pasaxeiros do noroeste peninsular". Neste sentido, lembrou que xa a actual estación é a que move máis viaxeiros de Galicia.

Sobre prazos, o alcalde anunciou que se precisará do 2009 e de parte do 2010 para tramitar todo o relativo á modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) é á redacción do Plan Especial para esta área. Con todo –dixo- "o obxectivo segue a ser o 2012, pero non negarei que non imos sobrados de tempo", posto que se tratará de obras que durarán cando menos uns dous anos. Neste calendario de prazos, o primeiro paso será a aprobación do mencionado convenio, que deberá ser ratificado polo Pleno municipal, polo Consello da Xunta, polo Consello de Ministros e polo Consello de Administración de ADIF.

Tamén en relación á este tema, o alcalde expresou a súa opinión persoal sobre o futuro do edificio da actual estación. Na súa opinión, unha gran estación do AVE como á que aspira Santiago "non pode estar sometida a limitacións previas".

En canto ao valor do edificio, recordou que "ten 60 anos, non é histórica e non está nin catalogada nin protexida". Por iso, insistiu, "a preservación dun edificio sen recoñecido valor non pode condicionar o desenvolvemento da nova estación". Apuntou tamén que "ninguén propuxo a súa catalogación cando se fixo a catalogación de edificios no Ensanche nin cando se tramitou o Plan Xeral".

Aeroporto
Ao respecto doutro medio de transporte, o aéreo, e preguntado pola baixada no número de pasaxeiros nas terminais galegas en 2008, Sánchez Bugallo aproveitou a súa rolda de prensa semanal para reiterar que "non imos a renunciar a ser o aeroporto central de Galicia". Afirmou que "Santiago non ten nada que ver con que o norte de Portugal teña un só aeroporto e Galicia tres".

"Hai que poñer en valor a posición central do aeroporto compostelán e a súa capacidade de crecemento", reiterou o rexedor compostelán. Neste sentido, manifestou que o desexo municipal é que "se leven adiante todas as obras previstas, e canto antes mellor", para así "poder garantirlles aos galegos que teñan un bo aeroporto". "O norte de Portugal ten un só aeroporto e bo, e nós faremos o que estea na nosa man para que ter un, cando menos, de características semellantes ao de Porto".

Fondo estatal, Museo de Historia Natural e Museo da Cidade
Outro tema tratado polo alcalde foi o dos 27 proxectos xa remitidos ao Ministerio de Administracións Públicas. A transmisión telemática dos mesmos xa recibiu o visto bo do mesmo. Os restantes seis proxectos serán aprobados na Xunta de Goberno do martes 20 e inmediatamente remitidos tamén ao MAP.

Tamén no mesmo mes de xaneiro, pero neste caso no Pleno ordinario do día 29, aprobarase definitivamente o Plan Especial que permitirá a construción do Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" na Finca Vista Alegre. En breve será presentado o proxecto e sacadas as obras a licitación.

Xa licitado, cun prazo de execución máximo de 18 meses, foi o futuro Museo da Cidade e das Peregrinacións, no edificio do antigo Banco de España. O alcalde comentou ao respecto que non é previsible que as empresas minoren ese prazo dada a complexidade da obra.

Conflito de Gaza
O alcalde referiuse tamén ao conflito de Gaza e expresou a súa "condena ao ataque desproporcionado de Israel á franxa de Gaza". Recoñeceu "o dereito de Israel a garantir a seguridade e a paz para os seus cidadáns, pero tamén ese mesmo dereito aos cidadáns palestinos".

Cualificou a conduta de Hamas como "irresponsable, inxusta e criminal", pero reiterou que "é condenable que Israel utilice a forza de xeito tan desproporcionado e agresivo contra a poboación civil, sometida ao asedio, ao sufrimento e ao terror absoluto". Finalmente manifestou a súa confianza en que se logre un alto ao fogo e se logre un acordo que "garanta a paz e a seguridade a Israel e a Palestina".

Compartir: