CULTURA

"Nexus 6" abre a edición de 2009 de SCQ Danza

15/01/2009 Presentouse en Raxoi a terceira edición do ciclo SCQ Danza que, un ano máis, achega a Compostela figuras internacionais da danza contemporánea. A edición de 2009 comeza coa bailarina e coreógrafa galega Branca Novoneyra que, xunto a Iria Pinheiro, levan ás táboas do Teatro Principal Nexus 6, o venres 16 de xaneiro ás 21:00 horas.

No acto de presentación, a bailarina e coreógrafa Branca Novoneyra definiu a súa última creación, Nexus 6, como un espectáculo interdisciplinar que combina danza, vídeo, texto e cabaré. Trátase a problemática do turismo sexual e os costumes de ocio e consumo que caracterizan o tempo de lecer na nosa sociedade.

Para situarnos nun tema tan grave e complexo, Branca Novoneyra decidiu recorrer a unha estética de ciencia ficción achegada ao filme Blade Runner, pois "o emprego de replicantes e a posta en escena cabareteira permitíanos tratar dun xeito máis fresco e espontáneo un tema de tal gravidade".

Nexus 6 ofrece dúas versións críticas sobre o asfixiante control social no marco globalizado, sobre a imposibilidade de desexar fóra do permitido. A peza preséntase en tres partes sucesivas: Pris, traballo de composición coreográfica baseada na mestura de códigos de danza contemporánea; Viaxe, instalación audiovisual sobre música en directo; e Rachael, peza apoiada na linguaxe do cabaré e da danza-teatro.

Seis compañías de primeiro nivel internacional
Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Elvira Cienfuegos, debullou a programación que compón o ciclo SCQ Danza en 2009, no que se van dar cita compañías diversas, de pequeno e gran formato, que van dende a experiencia e o prestixio de Clara Andermatt ou Catherine Diverrès até a capacidade innovadora e experimental de coreógrafos máis novos como a propia Branca Novoneyra ou Víctor Hugo Pontes.

Logo de Nexus 6, a seguinte cita vai ser o 10 de marzo co Centro Coreográfico Galego, baixo a dirección de Cisco Aznar, co seu novo espectáculo Giseliña. O 19 de abril viaxa a Compostela a Compagnie Catherine Diverrès, con A quinta do xordo, para, xa en maio, recibirmos a visita do cabaré La Familia e o seu Paraíso Siete. Xa cara ao remate do ano, o 1 de outubro, visita o Teatro Principal a compañía portuguesa de Clara Andermatt con Silencio, para rematar con Víctor Hugo Pontes o 12 de decembro co seu Manual de instrucións.

Compartir: