ALCALDÍA

Tarragona interésase polo modelo compostelán de promoción de vivenda protexida

15/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi ao alcalde de Tarragona, Josep Fèlix Ballesteros, co que posteriormente visitou algúns dos polígonos de vivendas promovidos pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA). O rexedor catalán quixo coñecer polo miúdo o modelo de xestión e transformación do solo e de promoción de vivenda pública do Concello de Santiago.

O alcalde de Tarragona, Josep Fèlix Ballesteros, amosouse moi interesado en coñecer o funcionamento de EMUVISSA, e expresou a súa satisfacción ao coñecer o modo de actuación e os resultados do traballo da empresa municipal dende a súa creación no ano 2000. Neste sentido, dixo levar unha impresión moi positiva de como dende o Concello, a través de EMUVISSA, se transforma o solo, asumindo os distintos pasos ata a construción das propias vivendas, como a expropiación ou a urbanización, e todo en prol de facilitar ao cidadán o acceso a vivendas de promoción pública.

Ademais do propio funcionamento de EMUVISSA, Josep Félix Ballesteros, quixo coñecer os seus resultados, polo que tamén en compañía de Sánchez Bugallo visitou varios dos polígonos promovidos pola mesma, en distintos graos de execución, no sur da cidade. Así, visitaron algúns tan avanzados como o SUP-6 de Santa Marta e o SUNP-22 de Castro de Abaixo, ademais do SUNP-11 do Castiñeiriño e o SUNP-14 de Tras Paxonal. Finalmente, achegáronse ata o 12 de Lamas de Abade, no que as máquinas comezarán a traballar en breve.

Para completar a súa visita a Santiago, os dous alcaldes fixeron unha visita guiada pola Cidade da Cultura.

Compartir: