ALCALDÍA

O Consorcio convocará un concurso para redactar o Plan Especial da Rocha Forte

14/01/2009 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu aos representantes da asociación cultural Rocha Forte para tratar temas relativos ao castelo da Rocha Forte e o seu contorno. O Consorcio da Cidade está a elaborar o prego de condicións para o concurso público para a redacción do Plan Especial da Rocha Forte previsto no PXOM.

O concurso sairá, previsiblemente, no mes de febreiro. Este plan definirá o futuro do ámbito da Rocha Forte, que inclúe o parque arqueolóxico, polo que é de vital importancia. O alcalde conta con que no prazo dun ano e medio este Plan Especial estea redactado e tramitado.

O servizo municipal de arqueoloxía está realizando un estudio que se entregará en breve, para determinar as actuacións inmediatas no ámbito do castelo relativas á consolidación, limpeza e seguridade do mesmo. Tanto o Concello como a Dirección Xeral de Patrimonio consideran que mentres non se defina o Plan Especial non se deben dar máis pasos respecto dos restos arqueolóxicos, alén destas actuacións inmediatas.

Compartir: