DEPORTES

Once clubs optan aos Premios Deporte e Vida

14/01/2009 A Fundación Compostela Deporte acolleu a presentación dos seleccionados para os Premios Deporte e Vida, enmarcados dentro do Plan Integral Deporte e Vida (PIDEVI), aos que optan once clubs e que se entregarán na Gala do Deporte Compostelán o 30 de xaneiro, no Hotel Puerta del Camino, ás 21:30 horas. Estes galardóns contan cunha dotación orzamentaria de 30.000 euros.

O vicepresidente da Fundación e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, subliñou que co programa PIDEVI e os Premios Deporte e Vida a Fundación busca "a mellora na educación dos deportistas máis novos, facer unha educación baseada na non violencia, no traballo en equipo, na colaboración, en favorecer comportamentos cívicos e transmisión de valores". Indicou que tamén se trata de "sensibilizar aos propios clubs na tarefa de trasladar aos deportistas hábitos saudables, e recoñecer publicamente ás entidades que máis apoian o deporte".

"Creo que é unha labor moi importante para completar a formación dos nosos mozos para que o día de mañá, independentemente da súa continuidade no mundo do deporte, poidan ser persoas que traballen e teñan unha formación axeitada para o desenvolvemento da súa vida e a súa profesión", engadiu Fariña. Este deu a coñecer tamén os clubs seleccionados para os Premios Deporte e Vida, cunha contía de 3.000 euros en cada un dos seguintes apartados:

SAÚDE: Hockei Club Raxoi – CD Bosco/Belvís – Lobelle de Santiago – Arteal TM
EDUCACIÓN: Lobelle de Santiago – Hockei Club Raxoi – CD Bosco/Belvís – CB Cluny
BENESTAR SOCIAL: ASPAS – Xuventude Oroso – SR Calo – SD Villestro
NON VIOLENCIA: Inmaculada – Arteal TM – Rosalía Santiago – Xuventude Oroso

A Fundación tamén outorgará o Premio Especial Deporte e Vida, de 10.000 euros, ao club que sexa merecedor de tal distinción pola súa labor na execución conxunta dos catro aspectos anteditos. Ademais, a entidade entregará os Trofeos á Empresa Solidaria que se distinga no apoio ao deporte compostelán a través da súa responsabilidade social corporativa e á Organización/Asociación Solidaria que se distinga no apoio ao deporte compostelán. As entidades propostas polo Comité de Selección son: Begano e o Grupo Correo.

"É importante subliñar que hai moitas empresas en Santiago que patrocinan a entidades deportivas e algunhas cunha continuidade importante, dende hai moito tempo e, dende aquí, o meu recoñecemento. Pero unha característica das dúas empresas seleccionadas, é que non singularizan a súa aposta polo deporte nunha entidade en particular, senón que o fan á marxe do deporte e para todos aqueles equipos que solicitan o seu apoio. Teñen presenza en moitos eventos deportivos e prestan moita atención ao deporte de Santiago", comentou o vicepresidente da Fundación.

Os gañadores de todos os premios daranse a coñecer na Gala do Deporte Compostelán. Excepto o Premio Deporte e Investigación, cunha contía de 6.000 euros, que foi outorgado á Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago polo seu traballo –xunto co persoal da Fundación- de investigación sobre os valores e comportamentos do deporte compostelán. Os resultados desta investigación están recollidos nunha publicación que se fará pública o mesmo día da Gala.

Gala do Deporte Compostelán
Andrés Fariña adiantou que a Gala, á marxe de supoñer por cuarto ano consecutivo un punto de encontro para os representantes dos distintos colectivos que forman o tecido deportivo de Santiago e a súa área de influencia, a través da Exposición do Deporte Compostelán renderá unha homenaxe ao Racing San Lorenzo polo 80 aniversario da súa constitución e á SD Villestro polo seu 25 aniversario. A mostra contará con imaxes e material deportivo antigo, non só das entidades homenaxeadas, senón tamén doutras disciplinas deportivas practicadas na nosa cidade como, por exemplo, o motociclismo.

Por outra banda, cómpre apuntar que nun acto previo a Gala, ás 20:30 horas, tamén no Hotel Puerta del Camino, entregaranse as Axudas aos Clubs Federados, que na edición do 2008 foron solicitadas por unhas 70 entidades deportivas.

Compartir: