ALCALDÍA

O Concello colaborará economicamente na recuperación do barrio de Santa Lucía, en Santiago de los Caballeros

14/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha xuntanza coa directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e cos membros da ONG Asemblea de Cooperación pola Paz. No encontro concretáronse os termos nos que o Concello colaborará no proxecto integral de recuperación do barrio de Santa Lucía, en Santiago de los Caballeros (República Dominicana).

A esta colaboración comprometérase o alcalde na súa recente visita a Santiago de los Caballeros, cidade irmandada con Compostela. Agora, plasmarase nun convenio que asinarán o Concello, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Asemblea de Cooperación pola Paz. En virtude do mesmo, o Concello fará unha achega económica que financiará fundamentalmente actividades sociais e formativas no barrio de Santa Lucía, canalizadas a través desta ONG compostelá.

Segundo recordou Sánchez Bugallo tras a xuntanza, o Concello vai colaborar neste programa integral, financiado por Cooperación Exterior, que pretende inicialmente levar servizos básicos a este barrio dominicano, situado no ámbito dun vertedoiro, e mellorar as condicións de habitabilidade dos seus veciños. A medio prazo –anunciou o alcalde-, tamén existe o proxecto de realoxar a 52 familias deste lugar.

En Santa Lucía viven unhas 2.500 persoas, a maioría das cales traballan nun gran vertedoiro situado a menos distancia da que permite a lexislación medioambiental nacional, e que foi precisamente o elemento xerador deste barrio, no que arredor dun 90% son dominicanos chegados de zonas rurais do país.

O proxecto de cooperación posto en marcha pretende mellorar o nivel de vida da poboación deste barrio, co fin de aumentar o nivel de escolarización, garantir a saúde preventiva e a atención primaria, contribuír ao desenvolvemento produtivo e impulsar o saneamento e a habitabilidade dende unha óptica non asistencialista, senón de autoorganización.

Compartir: