BENESTAR SOCIAL

O Concello e o Foro de Inmigración lanzan varias campañas para sensibilizar aos escolares sobre a realidade do colectivo inmigrante

13/01/2009 A concelleira de Benestar Social, Mar Martín; o voceiro-coordinador do Foro de Inmigración, Miguel Fernández; e a súa vice-coordinadora, Rocío Rodríguez, presentaron unha serie de campañas de sensibilización en torno á inmigración no marco do Programa de Educación pola Convivencia. Estas actividades están dirixidas ao alumnado de primaria, ESO e bacharelato e levaranse a cabo nos centros de ensino de Santiago de Compostela durante o curso lectivo.

Estas campañas póñense en marcha nun momento en que a presenza de cidadáns inmigrantes e de descendentes de emigrantes que regresaron a Galicia nos últimos anos é cada vez maior en case todas as esferas da vida social e laboral, e tamén no eido educativo. De feito, nalgunhas cidades e vilas galegas, xa é posible darse conta da presenza dun número considerable de alumnos de orixe estranxeira.

Ante ese cadro, é fundamental a implicación do sistema educativo e dos axentes sociais vinculados ao mesmo á hora de formar e preparar o alumnado para convivir nunha sociedade intercultural de forma respectuosa e empática, previndo así a aparición de actitudes prexuizosas e discriminatorias e apostando por promover a cooperación e o intercambio entre o alumnado.

Contado coa experiencia dos anos anteriores, presentáronse os cinco modelos de actividades, das cales o obxectivo xeral é a sensibilización sobre a realidade do colectivo inmigrante, estimulando unha actitude empática e comprensiva que contribúa a creación dunha sociedade intercultural.

Para este curso, ademais das actividades de Xunt@s e En cada rostro igualdade, súmanse, o Video Forum e Iguais en igualdade, que incorpora a perspectiva de xénero no tratamento non estereotipado nos medios de comunicación.

Todas as sesións constan de dous bloques de 1 hora e 40 minutos en semanas consecutivas. Lévanse a cabo en grupos –clase de máximo 30 alumnos–, cos cales se traballa na construción dunha reflexión crítica e razoada sobre os estereotipos que a miúdo se asocian ao colectivo inmigrante, estimulando o contraste dos mesmos coa realidade.

A aposta por estas actividades xorde do propósito de incidir no campo educativo mediante o coñecemento das situacións dos e das inmigrantes e do contacto con eles, creando espazos co fin de eliminar prexuízos e potenciar a convivencia e o intercambio.

Compartir: