CULTURA

A xente do teatro e os composteláns homenaxean a Roberto Vidal Bolaño

06/10/2005 A concellaría de Cultura organiza unhas xornadas de homenaxe ao coñecido dramaturgo, director e intérprete artista finado no 2002, considerado como un dos pais do teatro profisional galego.

Baixo o título "A Compostela de Roberto Vidal Bolaño", Santiago homenaxeará a unha figura fundamental na construción dun teatro nacional galego e un referente inesquecíbel na vida cultural da nosa cidade.

O vindeiro luns 10 de outubro dará comezo esta sentida homenaxe, que coordina Xoán Carlos Mejuto e organiza a Concellaría de Cultura, a Roberto Vidal Bolaño, cunha tertulia no Casino de Santiago, ás 21 horas, na que Néstor Rego, Manuel Quintáns, Antón Dobao, Camilo Franco e Suso Irago, entre outros. No acto, ademais, leranse fragmentos das obras teatrais As Actas Escuras, Rastros e Laudamuco Señor de Ningures. Desde a concellaría de Cultura, espérase que esta tertulia, segundo destacou o concelleiro, Néstor Rego, durante a presentación das xornadas, teña continuidade nos próximos anos.

Así mesmo, Rego anunciou que dentro desta homenaxe, a saída ao prelo dunha biografía sobre Vidal Bolaño, ademais da designación dunha rúa co seu nome en Vista Alegre, preto do lugar de nacemento do dramaturgo.

Para o 18 de outubro ás 21.30 horas, está programada a representación "Doentes" polas rúas de Compostela. Carlos Blanco será o narrador que leve o fío desta historia, na que, coa colaboración de diversas entidades, asociacións e bares da zona vella, máis de vinte actores e actrices de Compostela interpretarán aos doentes que alá polos anos 50 se botaron á rúa despois de que o Hospital dos Reis Católicos pasase a ser un hostal.

Rego quixo subliñar que desde a súa concellería "estamos cumprindo cunha obriga: recoñecer o labor de persoas que traballaron pola cultura galega desde o ámbito do teatro para conseguir que o recoñecemento sexa tamén social", polo que convidou á cidadanía a que estea presente nesta homenaxe, na que participa xente de todos os ámbitos de Santiago desinteresadamente. Neste senso, a directora de Teatro de Aquí e compañeira do dramaturgo, Belén Quintáns, quixo dar as grazas "á xente que non é do mundo do teatro e da cultural, que tamén quixeron participar na homenaxe". Tamén o seu fillo, Roi Vidal, lembrou durante a presentación destas xornadas que o seu pai sempre dicía que hai que facer teatro "tamén para a xente que non vai ao teatro".

Cronista "non oficial" Roberto Vidal Bolaño, o "cronista non oficial de Santiago", segundo o definiu Marcelino de Santiago "Kukas", iniciouse na arte dramática en 1974 e contribuíu á súa renovación e modernización a través do Grupo Abrente. Dirixiu o Centro Dramático Galego e, no eido audiovisual, participou no nacemento do cine galego contemporáneo, a finais dos oitenta. Traballou tanto en longametraxes como en curtas e en series de televisión.

Compartir: