EMPREGO

Máis de 900 persoas inscribíronse en 2008 na Plataforma de Intermediación Laboral da Concellaría de Promoción Económica

09/01/2009 Un total de 904 persoas inscribiuse en 2008 na base de datos da Bolsa de Emprego da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Neste momento hai introducidas na Plataforma de Intermediación Laboral 1.959 solicitudes, tanto de persoas desempregadas como de persoas que buscan mellorar as súas perspectivas laborais.

Das 904 solicitudes contabilizadas en 2008, 568 (o 62,8%) son de mulleres. Este aplicativo informático ten como obxectivo facilitar a prestación do servizo a través dunha xestión áxil e eficaz das ofertas e das demandas laborais.

O sector máis demandando polas persoas inscritas en 2008 na Bolsa de Emprego é o Sector Servizos. Presentáronse 771 demandas, o 85,3% do total. Os outros sectores nos que se rexistran máis solicitudes de emprego son Construción con 89, e Industria, con 47.

A maioría das solicitudes introducidas en 2008 corresponden a persoas con titulación universitaria: diplomadas, licenciadas e doctoradas. Son 370 (256 mulleres e 114 homes) e representan o 40,9% das/os usuarias/os. En segundo lugar sitúanse as persoas con estudos de Formación Profesional, un total de 339 (208 mulleres e 114 homes), o 37,5% de inscritos/as.

411 das 904 persoas inscritas teñen entre 25 e 34 anos. Representan o 45,5% do total. A maioría, 256, son mulleres. A continuación atópanse as franxas de idade que van dos 35 aos 44 anos, con 271 inscritas/os, e dos 20 aos 24 anos, con 142.

A Bolsa de Emprego concíbese coma un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego así coma a intermediación laboral cas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes. Un equipo de técnicos expertos en orientación-inserción profesional realiza unha entrevista a cada un das persoas usuarias para elaborar a diagnose do proxecto profesional. Esta diagnose sirve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar.

Todas as solicitudes presentadas na Bolsa de Emprego introdúcense na Plataforma de Intermediación Laboral, que ten como obxectivo mellorar a prestación do servizo. O sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, ao crear bases de datos e rexistros cualificados que facilitan o servizo de ofertas laborais ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respecta sempre a confidencialidade das/os usuarias/os.

Compartir: