EDUCACIÓN

O Eixo Atlántico aposta polas cidades educadoras

09/01/2009 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presidiu esta mañá a xuntanza da Comisión de Desenvolvemento Social do Eixo Atlántico, celebrada no Auditorio de Galicia. Na reunión, á que asistiron representantes das 34 cidades integradas nesta rede, presentouse o estudo "O Eixo Atlántico: un territorio educador, unha comunidade educadora", realizado polas universidades de Santiago, A Coruña, Minho e Tras-os-montes Alto Douro.

Guadalupe Rodríguez é a nova presidenta desta Comisión de Desenvolvemento Social. Como tal, dirixiu unha reunión na que participaron as cidades integrantes, a FEGAMP e o equipo de profesores das catro universidades que realizaron o estudo. No mesmo ponse en valor o potencial educativo dos territorios e das comunidades non só como contextos senón e sobre todo como axentes educadores, seguindo en boa medida os principios e directrices da Carta Internacional das Cidades Educadoras e dun amplo elenco de declaracións e iniciativas que salientan o papel de educación como un elemento estratéxico do facer cívico, pedagóxico e democrático da Administracións Locais e, polo tanto, de actuacións políticas que poñan énfase nas cidades que educan e se educan na convivencia.

Con esta filosofía o informe desvela as potencialidades e as limitacións existentes en Galicia e no Norte de Portugal dende as perspectivas xurídico-legais, das políticas educativas municipais, das iniciativas e programas que se están desenvolvendo nos últimos anos, das boas políticas e da súa aplicabilidade na Eurorrexión, na sociedade das aprendizaxes, da información e do coñecementos.

Cun horizonte temporal de curtos, medios e largos prazos, o estudo presenta 25 propostas de acción socioeducativa local para o Eixo Atlántico, moitas delas orientadas ao traballo en rede, de xeito cooperativo e transfronteirizo. A necesidade de compartir e colaborar nos proxectos educativos en marcha ou de futuro, de deseñar e adoptar planos estratéxicos locais de acción educativa, de contribuír a unha mellora da calidade da educación ou de conciliar as relacións familia-escola son algunhas das propostas suxeridas.

II Mostra Musical do Eixo Atlántico
Ademais da presentación do estudo, na reunión foi aprobado o regulamento para a II Mostra Musical do Eixo Atlántico 2010. Abriuse o prazo para que as cidades se poidan optar a acoller as fases previas da Mostra Musical, cuxa fase final ten sede permanente en Vilagarcía. Os concellos están traballando para consolidar a Mostra Musical como un evento de referencia en toda a Península.

As cidades decidiron tamén comezar a traballar sobre o tema das dietas saudables, non só nas escolas senón cara toda a poboación, e promover as virtudes da Dieta Atlántica. Este elemento xunto coa celebración de campamentos náuticos dirixidos a nenos dos concellos do interior serán desenvolvidos na vindeira reunión desta comisión.

Compartir: