REFORMA ADMINISTRATIVA

Dous plans directores permitirán ao Concello seguir avanzando no acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos

08/01/2009 A concelleira de Reforma Administrativa, Rosa Fernández Somoza, explicou os plans do seu departamento para seguir avanzando no acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Estes proxectos concrétanse a través de dous plans directores, que darán como resultado unha maior accesibilidade e navegabilidade do portal web, a renovación da intranet municipal, a integración das aplicacións informáticas do Concello e unha serie de proxectos específicos.

Segundo explicou a concelleira, o primeiro o primeiro plan director traballará para seguir dando pasos cara o cumprimento da Lei de Acceso Electrónico. Trátase, en definitiva, de avanzar en facilitar o acceso dos cidadáns aos servizos públicos dun xeito sinxelo, incrementando progresivamente os trámites que poden realizar a través de internet e sen necesidade presencial.

Este Plan Director para a Lei de Acceso Electrónico terá unha primeira fase de análise e diagnóstico, a desenvolver no primeiro trimestre de 2009 e cun custe de 12.000 euros. Nesta etapa farase un inventario e un estudo de viabilidade de adaptación das aplicacións informáticas de xestión, das bases de datos, dos sistemas informáticos e de telecomunicacións, do portal municipal e da intranet.

A continuación, nunha segunda fase, deseñarase un sistema informático e un plan de acción. Estableceranse así as liñas estratéxicas do Concello no tocante á administración electrónica. Este sistema permitirá, entre outras posibilidades, crear un sistema de información municipal integrado e capaz de crear novos servizos cara os cidadáns.

O segundo plan director ocuparase da implantación de software libre. Concretarase nun estudo de viabilidade da utilización deste tipo de programas en todos os ámbitos do sistema informático. Coñecido este aspecto, deseñarase un plan de adaptación.

Estes dous plan directores complementaranse, dando lugar finalmente a unha serie de proxectos. Así, procederase á renovación do portal municipal, dotándoo dunha maior accesibilidade e navegabilidade e de máis servizos de administración electrónica. Entre estes servizos a implantar poden citarse algúns como o rexistro telemático, os taboleiros de anuncios dixitais, a notificación telemática, a expedición de documentos electrónicos, a facturación electrónica, a contratación electrónica ou o selado electrónico.

O traballo nestes dous plans permitirá que o Concello estea preparado para asumir de inmediato calquera avance tecnolóxico que se produza nestas materias. A nivel interno, tamén posibilitará unha renovación da intranet municipal e a integración de todas as aplicacións informáticas do Concello.

Un proceso de mellora permanente
O esforzo municipal por avanzar na administración electrónica xa se veu concretando nalgúns proxectos nos últimos meses. Entre eles cómpre citar o denominado Santiago Contigo, que cun investimento de 133.000 euros (subvencionado con 60.000 euros no marco do Programa Concellos Dixitais do Plan Avanza) permitiu, entre outras cousas, a informatización dos expedientes de Planeamento Urbanístico e a implantación de diversos servizos da Carpeta Cidadá. O último avance posto en marcha grazas a este proxecto foi a aplicación para xestionar as Queixas e Suxestións no ámbito da Comisión creada ao efecto

Tamén se puxo en marcha en 2008 un novos sistema central de telecomunicacións do Concello, e estase a remodelar o Centro de Proceso de Datos. Ademais, trabállase nun estudo para a posta en marcha dun sistema de xestión de calidade na xestión da Carpeta Cidadá, co obxecto de lograr a certificación ISO 20000.

Compartir: