PROMOCIÓN ECONÓMICA

Vinte e dúas empresas benefícianse das axudas para novos negocios da Concellaría de Promoción Económica

07/01/2009 Ata 22 proxectos empresariais beneficiaranse da liña de Axudas para a creación de novas empresas da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Esta convocatoria enmárcase no programa de promoción do emprendemento Compostela Activa 2008, que ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.

Esta liña de incentivos, á que se presentaron 40 proxectos empresariais, conta cun orzamento de 40.000 euros. Desta cantidade, repartiranse 39.912 euros entre as 22 empresas seleccionadas. Cada nova empresa pode percibir ata 2.000 euros, que poden cubrir o 100% dos gastos subvencionables. Teñen a consideración de gastos subvencionables os considerados como correntes e de primeiro establecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2008 nos seguintes conceptos e excluídos impostos: existencias iniciais de mercadorías, gastos de arrendamentos: locais e/ou equipos, primas de seguros, abastecementos e gastos correntes, gastos de formalización de constitución da sociedade se é o caso. O investimento en activos fixo e as axudas directas á contratación de traballadores quedan exceptuadas desta axuda.

Nesta edición podían optar a Axudas para a creación de novas empresas aquelas firmas con sede no Concello de Santiago que iniciaran a súa actividade entre o 31 de agosto de 2007 e o 30 de setembro de 2008. Para os proxectos empresariais que aínda non se desenvolveron a Concellaría de Promoción Económica conta co Concurso de novas ideas empresariais, enmarcado tamén no programa Compostela Activa 2008. En 2008 recibíronse 27 solicitudes e premiáronse seis proxectos.

O Concurso de novas ideas empresariais ten como obxectivo apoiar a aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, facilitándolle a súa posta en marcha. Os clasificados en primeiro lugar en cada unha das modalidades perciben 5.000 euros, os segundos 4.000 e os clasificados en terceiro lugar 3.000 euros.

Compartir: