DEPORTES

Continúa aberta ata o 25 de xaneiro a pista de xeo

07/01/2009 Rematou o Nadal, pero non a posibilidade de seguir patinando sobre o xeo. Ata o 25 de xaneiro estará aberta a pista habilitada en Amio. Ademais, o Concello facilita un ano máis a iniciación á patinaxe sobre xeo cunha campaña escolar entre o 12 e o 22 de xaneiro.

Ante o éxito de participación, a permanencia da pista de xeo segue a ampliarse en cada edición. Por iso, esta vez estará aberta ata o 25 de xaneiro e con amplitude de horarios. De domingo a mércores abre de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 horas. De xoves a sábado o horario amplíase, permanecendo aberta de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 02:00 horas.

O prezo é de 5 euros, se ben os abonados ao Multiusos Fontes do Sar ou ao Complexo Deportivo Santa Isabel pagan a metade. O prezo inclúe o acceso á pista de patinaxe durante unha hora e o aluguer dos patíns. É obrigatorio o uso de luvas para patinar e os usuarios deberán obedecer ás indicacións feitas polos instrutores.

Os que o desexen teñen á súa disposición un servizo de transporte público ao recinto: as liñas C5, C6 de luns a sábado pola mañá e a L1 os sábados tarde, domingos e festivos.

Campaña escolar
Nesta liña de facilitar o acceso de todos á pista de xeo, o Concello, en colaboración con XADE, pon en marcha un ano máis a Campaña Escolar de Iniciación á Patinaxe sobre Xeo. Desenvolverase do 12 ao 22 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 horas. A campaña está destinada aos nenos e nenas de 4º de primaria en diante. Os centros escolares serán os encargados de levar aos rapaces a esta actividade de balde. O custo desta actividade, aprobado na Xunta de Goberno do 7 de xaneiro, é de 11.793 euros.

Compartir: