FESTAS

Catro mil cincocentos millóns de xoguetes e un agasallo especial: a liberación de José Cendón

05/01/2009 Os nenos e nenas de Compostela non faltaron á súa cita cos Reis Magos e compartiron con eles unha tarde chea de ilusións. As súas Maxestades chegaron cargadas de xoguetes e con un agasallo moi especial nesta ocasión: a liberación do fotógrafo galego José Cendón.

Como cada ano, as súas Maxestades chegaron en tren á cidade, para logo dirixirse nunha colorista e concorrida Cabalgata ata o pazo de Raxoi. Na Estación, os Reis foron recibidos por algúns membros da Corporación e pola música interpretada pola Banda Municipal. Despois de saudar aos numerosos nenos que ata alí se achegaron, emprenderon o seu percorrido polas rúas compostelás, ateigadas de rapaces. Moitos deles daban a benvida ás súas Maxestades coas mans de cartón que lles repartiu a Concellaría de Festas.

Os Reis marcharon cara a praza do Obradoiro escoltados por escuadróns a pé e a cabalo e por diversos grupos de animación. Ao seu paso polas distintas rúas ían repartindo caramelos, que este ano tamén foron sen glute, para que así os puideran comer os nenos celíacos. As nove fantasiosas carrozas e máis de 200 figurantes fixeron unha pequena parada na praza Roxa, onde se realizou un breve espectáculo de luz e son.

Xa na praza do Obradoiro, os Reis Magos foron recibidos polo alcalde. Despois, o rei Melchor saíu ao balcón para dirixirse aos nenos e nenas presentes na praza do Obradoiro. Ao seu carón, unha persoa traducía o discurso á linguaxe de signos.

Melchor dedicou as súas primeiras palabras a recordar a liberación do fotógrafo José Cendón, o mellor regalo que podían traer este ano. Como os tempos cambian e a tecnoloxía evoluciona, o Rei comentoulle tamén aos rapaces que chegaran na súa pequena nave interestelar, do tamaño de Galicia. Iso si, chegaron cargados con 4.500 millóns de regalos para repartir na noite máis máxica. Non pediron moito a cambio, unicamente tres vasos de auga para os camelos e un pouquiño de turrón.

Un espectáculo de luces, sons e fogos de artificio deu paso ao momento en que cada un dos rapaces puido subir a saudar aos Reis e a pedirlles os agasallos desexados. Foi momento tamén de facer aprovisionamento de máis caramelos antes de marchar para a casa a durmir.

Compartir: