CONSORCIO

O Concerto de Reis no Auditorio de Galicia será a beneficio da Fundación Meniños

02/01/2009 O tradicional Concerto de Reis, o luns 5 de xaneiro ás 22:00 horas, no Auditorio de Galicia, terá un marcado carácter solidario. Os fondos recadados polo despacho de billetes desa noite serán entregados á Fundación Meniños, organización independente e sen ánimo de lucro que traballa polos dereitos da infancia en situación de dificultade social.

O concerto da Real Filharmonía estará dirixido polo compostelán Maximino Zumalave e contará coa presenza do pianista Tzimon Barto, quen tocará o Concerto para piano número 1 de Chaikovski. O resto do programa, tal e como sinalou Zumalave na rolda de prensa de presentación do concerto, "fai referencias ás mañás, o momento máxico para os nenos no día de Reis". Neste sentido, a orquestra compostelá interpretará as Matinés Musicais, de Britten, e unha versión para orquestra da coñecida Alborada de Pascual Veiga. Para rematar o concerto soará a Abertura de Guillermo Tell, de Rossini, así como algunha sorpresa preparada polo director.

Esta colaboración entre Auditorio, Concellaría de Cultura, Consorcio de Santiago, Real Filharmonía e Fundación Meniños busca a implicación e a participación das persoas asistentes ao concerto coa Fundación Meniños. Neste sentido, no Auditorio estarán presentes diferentes materiais nos que Meniños informa dos seus proxectos. Para máis información pódese consultar na web www.meninos.org ou no teléfono 902 220 707.

Compartir: