OBRAS

O barrio de Fonte do Ouro recupera a súa fonte e estrea calzada, beirarrúas e aparcadoiro

02/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as obras de urbanización do barrio de Fonte do Ouro, cuxa primeira fase vén de rematar. Investíronse 225.687 euros nunhas obras que supuxeron a recuperación da fonte que da nome ao lugar, a recuperación do cauce do río, a creación de beirrarrúas e a dotación de diversos elementos urbanos.

En total, a superficie reurbanizada ascendeu a 1.992 metros cadrados, dos cales 1.268 se corresponden coa nova calzada pavimentada e cun aparcadoiro para varias prazas creado no lugar. Creáronse tamén 471 metros de beirarrúas e axardináronse outros 188 metros cadrados, o que incluíu a plantación de catro magnolios.

Paralelamente traballouse na rede de saneamento e na sinalización horizontal e vertical. Finalmente, instaláronse 4 bancos, 12 papeleiras e remodelouse o alumeado coa instalación de 13 novas unidades.
Sánchez Bugallo recordou que esta é a primeira fase dunhas obras que terán outras dúas fases. A primeira, que se prevé acometer ao longo de 2009, permitirá urbanizar outro tramo e conectar o barrio con Casas Novas. Tamén se instalará un punto limpo con illa de contedores. Xa na terceira fase realizarase unha pasarela peonil cun paseo noutro tramo e recuperarase outra das fontes do barrio.

Ademais de anunciar as dúas seguintes fases, Sánchez Bugallo destacou a "calidade medioambiental" coa que se realizou esta e outras obras. Ademais, apuntou que a esta zona lle tiña "especial cariño" por ser a do parque veciño de Galeras a primeira obra que lle tocara acometer como alcalde.

Compartir: