EDUCACIÓN E MOCIDADE

Educación e Mocidade pon en marcha o programa xeral de actividades para este curso

05/10/2005 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos presentou o programa xeral de actividades para o curso escolar de 2005-2006, que se recollen na publicación que leva por título "Educación e Mocidade, programas e recursos".

Segundo explicou a concelleira de Educación e Mocidade, os recursos educativos, que inclúen tanto a formación do alumnado como a do profesorado, buscan o encontro das escolas coa cidade, procurando o desenvolvemento de propostas da cidade como un contorno educador.

No eido da dinamización educativa, correspondente á área de Educación, inclúense os programas de utilización didáctica da cidade Vivir Santiago, Coñecer as Cidades Patrimonio, o Programa Didáctico do Eixo Atlántico, o Arquivo histórico e Roteiros Didácticos a diferentes lugares de Compostela, ademais dos tradicionais programas de Educación Ambiental, de Promoción do libro e animación á lectura, de Seguridade Viaria e na Autoprotección, de Educación para a Saúde, para a paz a convivencia e a solidariedade, etcétera.

Ademais dos programas educativos, está aberto o prazo (ata o 15 de outubro) para optar ás axudas escolares, así como a subvencións a proxectos, a actividades educativas e culturais ou destinadas ao fomento de actividades educativas para a mocidade de carácter puntual, como a bolsa de fotografía.

Na área de Mocidade desprégase outro amplo abano de posibilidades para os mozos, sobre todo no relacionado co asociacionismo, co lecer e tempo libre e coa dinamización cultural, sen esquecer o programa de educación afectivo-sexual e os programas europeos de servizo de voluntariado e intercambios xuvenís.

Compartir: