CONSORCIO

Cinco empresas aspiran a realizar as obras da antiga Calzada de Sar

30/12/2008 Cinco empresas especializadas en restauración aspiran a realizar as obras da antiga Calzada Real de Sar. No mes de xaneiro quedará resolto o concurso público e adxudicada a obra por un importe de 800.000 euros. O Consorcio de Santiago pretende deste xeito que a obra quede rematada antes de que finalice o ano 2009.

O Consorcio iniciara o 5 de decembro o proceso de licitación das obras, tras as modificacións introducidas pola Oficina Técnica do organismo a fin de recoller as indicacións realizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Estes cambios atenden a aspectos construtivos e formais, tales como o mantemento e reutilización de todas as pezas orixinais da Calzada que se atopen en bo estado de conservación, completando o resto con pezas do mesmo material.

Tamén proxectou unha beirarrúa que se construirá pola marxe das vivendas para facilitar a circulación dos veciños, que será construída con grandes lousas de cantería. Igualmente, cómpre lembrar que tres escaleiras de acceso peonil á Cidade da Cultura arrancarán da Calzada de Sar. Por ese motivo, o muro de contención lateral desa marxe manterá o carácter construtivo e o aspecto formal dos muros tradicionais da zona.

Compartir: