PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica selecciona 120 participantes para o Persoa IV

29/12/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo abre o 29 de decembro o proceso de presentación de solicitudes para participar no Proxecto Persoa IV, prazo que finalizará o 10 de xaneiro. Este programa experimental de emprego ten como obxectivo promover a integración laboral de desempregados a través da súa participación nun proceso integral de inserción (formación, prácticas en empresas e apoio á colocación) en ocupacións consideradas novos xacementos de emprego.

O Persoa IV conta cun orzamento de 720.000 euros e está dirixido a persoas desempregadas, sobre todo persoas menores de 30 anos e maiores de 45, persoas desempregadas de longa duración e mulleres que abandonaron o mercado laboral e queren reinsertarse.
O programa focaliza a súa atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, de nenos, de discapacitados físicos ou psíquicos. Estes servizos repartiríanse en oito accións formativas, a través das que se formarían 120 persoas, 15 en cada acción. En todas elas primará a práctica laboral.

As accións formativas serán:

a) Especialista no coidado e atención a persoas maiores e discapacitadas
b) Dirección e xestión de centros e servizos de atención a maiores
c) Especialistas en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflitos
d) Reparación, mantemento e adaptación de edificios e vivendas para maiores e dependentes
e) Atención temperá e estimulación precoz
f) Auxiliar de axuda a domicilio
g) Xestión e desenvolvemento de servizos e empresas de axuda a domicilio
h) Especialista en asistencia persoal.

O programa desenvolverase en dous grupos. No primeiro, de decembro de 2008 a novembro de 2009, impartíranse as catro primeiras especialidades. No segundo, de outubro de 2009 a setembro do 2010, as catro últimas. As persoas participantes recibirán unha beca de asistencia de 325 euros ao mes durante o período de formación teórica e práctica en empresa.

As persoas interesadas poden informarse e descargar a folla de inscrición na web de Promoción Económica, www.maiscompostela.org. Tamén poden obter máis información sobre o Persoa IV no teléfono 981 542 493, ou nas oficinas da Concellaría, situadas na porta 9 do Estadio de San Lázaro, na avenida Fernando Casas Novoa, número 20. O horario, de luns a venres, é de nove da mañá a dúas da tarde. No Proxecto Persoa III accederon ao mercado laboral a través de contratos de diferente duración, 103 das 105 persoas participantes.

Compartir: