ALCALDÍA

O alcalde compartiu unha xornada de lecer cos máis novos en Nadalxogo

26/12/2008 Despois do éxito da apertura co espectáculo da Compañía de Arte Acrobático SanXia de China na tarde do Nadal, continúa Nadalxogo. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quixo compartir unha xornada cos máis pequenos no Multiusos Fontes de Sar.

Sánchez Bugallo puido observar como os rapaces de 3 a 5 anos xogaban en estruturas adaptadas a eles, do parque de xogos, do parque infantil de tráfico e de diversos obradoiros. Alí tamén se habilitou un lugar para o cambio de cueiros e unha zona para a merenda.

Os rapaces con máis idade teñen á súa disposición actividades lúdicas como unha pista de coches de choque, un carrusel Dragón-re ou os inchables. Ademais, obradoiros e actividades deportivas: cestería, encadernación, abelorios, gomaespuma, plástica, papiroflexia, tenis e mesa, camas elásticas, bádminton, deporte Wii e esgrima.

Ademais de ver as evolucións dos rapaces nas diferentes actividades lúdicas e deportivas, o alcalde pasouse polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Este espazo para o encontro da lectura, a música e o teatro combina a intervención lúdica coa educativa. Todos os días hai actuacións de 18:00 a 19:30 horas, ademais de diversas actividades: sesións de contacontos, obradoiros de papiroflexia, exposicións e un recuncho da lectura.

Todo isto compleméntase coas actividades extraordinarias previstas para cada día e que traerán a Nadalxogo os seguintes espectáculos: Popín Palomero (venres 26); Fantoches Baj, Rei, Rei (sábado 27); O Show dos Pallasos (domingo 28); Tarabelos, A que cheiran os contos? (luns 29); Máximo Circus Cabaret (martes 30); Rivel Animación, Pepiña Xoaniña (xoves 1); Rivel Animación, A caixiña de zapatos (venres 2); Rivel Animación Circus Rivel (sábado 3) e visita do Paxe Real (domingo 4).

Nadalxogo estará no Multiusos Fontes do Sar ata o 4 de xaneiro e unicamente permanecerá pechado o 31 de decembro. O horario é de 17:00 a 21:00 horas. O prezo da entrada é de 3 euros.

Compartir: