CULTURA

Celébrase no Auditorio a gran Festa Cultural do Nadal

26/12/2008 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais está a organizar o programa de actividades Nadal Cultural, que conta coa Festa Cultural do Nadal como unha das súas propostas máis importantes. Promover o consumo responsable nestas datas, así como a reflexión arredor do comercio xusto, son algunhas das razóns que moven a Festa Cultural do Nadal, que se vai celebrar o sábado 27 de decembro, no Auditorio de Galicia, a partires das 17:00 horas.

A festa contará con casetas informativos das asociacións Amarante e Panxea para ofrecer información sobre o consumo responsable e o comercio xusto. Durante a xornada, Os Trapechos actuarán nun concerto didáctico infantil de música tradicional galega facendo un percorrido polas comarcas galegas con instrumentos da música popular e tradicional, tanto actuais como antigos.

Haberá tamén durante a tarde varias sesións de obradoiros simultáneos de: Animación e modelado con plastilina, con Juan Pablo Etcheverry; Construción de instrumentos musicais tradicionais, con Emilio Lois; e tamén de Agasallos e adobíos do Nadal. Outras actividades moi interesantes serán o espectáculo de sombras chinesas que as Tiriterias ofrecerán baixo o título Intre]/em] e o de Mamá Cabra, chamado Cancións para compartir.

Xa ao final da tarde presentaranse as actividades que se van a programar dende a Rede de Centros Socioculturais de Compostela para os meses de xaneiro, febreiro e marzo. Así mesmo, repartiranse os folletos explicativos que recollen esta programación trimestral nos centros.

Nadal Cultural, un programa interxeracional
O programa Nadal Cultural, que encherá a cidade de actividades lúdicas e culturais para toda a familia está a desenvolverse desde o 12 de decembro e vaise prolongar ata o 5 de xaneiro de 2009. Nadal Cultural propicia a implicación de pequenos e maiores en actividades culturais e de lecer cunha enorme variedade das propostas que van dende os obradoiros propios do Nadal ata os concertos de música tradicional ou coral, as obras de teatro ou as proxeccións de cinema.

As actividades están a ser realizadas en todos os centros da Rede, así como noutros espazos xestionados pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, coma o propio Auditorio de Galicia ou o Teatro Principal. Neste último escenario, os días 26 e 27, a compañía galega Quinquilláns representa O mago de Oz, namentres que Berrobambán Teatro estará con Boas Noites o domingo 28. Para rematar, o 29 e o 30 de decembro Disque Danza porá en escena Menú vexetal (dáme verde).

Compartir: