SERVIZOS

Unha completa guía informa aos composteláns sobre os procesos de reciclaxe e anímaos a implicarse nos mesmos

26/12/2008 A concelleira de Servizos, Marta Álvarez-Santullano, presentou esta mañá unha nova guía que informa aos veciños dos procesos de reciclaxe e aclara calquera dúbida ao respecto. Baixo o título Reciclar querendo, esta publicación aproveita un tempo de consumo e de alta xeración de residuos coma o Nadal para intentar implicar aos composteláns na reciclaxe.

Repartiranse 15.000 exemplares desta guía, na que o cidadán atopará respostas a calquera dúbida respecto ao que facer cos distintos tipos de residuo. Así, e neste tempo de Nadal, comeza por dar consellos sobre o que facer nestas datas para facer un consumo responsable e minimizar os residuos.

Despois de explicar as diferentes prácticas de reciclaxe, a guía ofrece indicacións sobre como reciclar en Compostela. Indícase claramente que residuos deben e cales non deben introducirse nos contedores amarelo, azul, verde orgánico, e iglú verde. Tamén se ofrece información sobre os dous puntos limpos que dispón a cidade, no Polígono do Tambre e en Piñor-Figueiras.

A información ofrecida complétase con indicacións sobre como participar na compostaxe e sobre como proceder no caso de querer desfacerse de determinados tipos de refugallos: pilas, electrodomésticos, mobles usados, aceites usados, árbores de Nadal e plantas, xoguetes, tecidos, móbiles esgotados, ordenadores ou residuos de obra.

A publicación péchase con información práctica dirixida a empresarios e pequenos comerciantes, con información sobre a empresa Urbaser, concesionaria do servizo de residuos sólidos urbanos no Concello, e cun listado de teléfonos útiles.

Compartir: