DEPORTES

Andrés Fariña: "É difícil trasladar á conciencia de todos as dificultades que pasan outros semellantes"

23/12/2008 A Fundación Compostela Deporte acolleu a presentación do Torneo Solidario, enmarcado dentro da Campaña de Operación Quilo, organizada polo Centro Don Bosco, o CD Belvís e o CD Bosco, e que conta coa colaboración do Concello de Santiago e da Fundación. A Campaña ten a finalidade de axudar ás familias compostelás con necesidades básicas e colaborar cun proxecto de alfabetización en Angola. O concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña, subliñou a importancia da iniciativa e as dificultades de sensibilizar á sociedade sobre as dificultades que pasan algunhas persoas e colectivos.

A Campaña e o Torneo teñen a finalidade de sensibilizar e sensibilizarse cunha realidade de necesidade moi preto de nós e colaborar, dentro das posibilidades de cada quen, para axudar ás familias compostelás con necesidades básicas e, ao mesmo tempo, colaborar cun proxecto de alfabetización en Angola.

Andrés Fariña subliñou a importancia da iniciativa do Centro Don Bosco: "O Concello e a Fundación queren estar con eles na celebración do Torneo Solidario porque coñecemos seu traballo e as dificultades deste tipo de compromisos que adquiren algunhas persoas na sociedade. É bastante difícil trasladar á conciencia de todos os cidadáns as dificultades que están pasando outros semellantes. É bastante complicado estar sensibilizando á sociedade permanentemente".

"Hai que agradecer ao Don Bosco esta permanente sensibilización en favor dos máis desfavorecidos. O Concello e a Fundación non teñen máis compromiso que poñerse do seu lado con distintas accións e, nesta campaña, para facilitarlles todas as necesidades que poidan ter para efectuar este torneo. A responsabilidade é de todos e por iso queremos estar con vos. E non vai a quedar aquí. Estaremos sempre noutras accións que poidades ter e animo a que a xente de Santiago acuda a presenciar e a participar neste torneo", engadiu o concelleiro.

Torneo Solidario
O director do Centro Don Bosco, Francisco Rodríguez, explicou que para acadar os obxectivos que perseque coa Campaña de Operación Quilo, o Centro Don Bosco desenvolve unha serie de actividades, e dentro delas celebrarase a segunda edición deste torneo de fútbol sala no Pavillón do Restollal, dende as 10:00 horas do día 27 de decembro ata as 14:00 horas do día seguinte.

"A participación está aberta para os maiores de 16 anos, en equipos de 12 xogadores como máximo. E un máximo de 24 equipos. As inscricións poderán formalizarse no Centro Don Bosco (R/ Belvís, 2 – Teléfono 981 582 243) ata o mércores 24, co abono de 30 euros e cinco quilos de alimentos por equipo. Coa inscrición entregarase un número para cada xogador para o sorteo de material deportivo do día 28, ás 12:30 horas, antes do comezo da final", afirmou. Ademais, haberá trofeos para os catro mellores clasificados, ao máximo goleador, ao mellor porteiro, ao mellor xogador, ao equipo máis limpo e ao mellor árbitro.

Francisco Rodríguez explicou que con esta actividade quérese "sensibilizar e intentar promocionar valores solidarios, educativos e deportivos entre os rapaces".

No marco do Torneo disputarase o día 28 ás 12:00 horas, un partido de exhibición cun equipo composto por unha selección de concelleiros (dos tres grupos que forman parte do Goberno municipal) e outro por unha selección de diferentes persoas da vida pública e social de Compostela.

Novidade
E a principal novidade da segunda edición do Torneo Solidario será a celebración da Marcha Ciclista Solidaria, o domingo día 28 de decembro, con saída ás 11:00 horas dende a praza do Obradoiro e percorrido polas rúas: Costa de San Francisco, Galeras, Pombal, Campo da Estrela, Av. De Xoán Carlos I, Rosalía de Castro, Romero Donallo, Amor Ruibal, Restollal e Isidro Parga Pondal. A meta estará colocada no Pavillón do Restollal. Os participantes deberán aportar un quilo de alimentos e recibirán un número para o sorteo de material deportivo.

Os alimentos recollidos coas distintas actividades do Torneo Solidario entregaranse a Cáritas Parroquiais do barrio de San Pedro e de Fontiñas, para que dende aí cheguen ás familias que os precisan. Por outra banda, o diñeiro recadado irá dirixido ao proxecto "Alfabetización en Calulo, Angola", que ten que ver coa educación e coas necesidades básicas dos rapaces e rapazas deste municipio, e que beneficiarán a 650 alumnos de nove aldeas e a 15 profesores alfabetizadores.

Compartir: