PLENO

Visto bo do Pleno á prohibición da venda de alcohol pola noite

23/12/2008 Cos votos favorables do Grupo de Goberno e a abstención do PP, foi aprobada polo Pleno a modificación da Ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza Viaria. A modificación consiste na inclusión de novos puntos que farán posible a partir de finais de marzo a prohibición da venda de alcohol para consumo na vía pública de 22:00 a 8:00 horas.

A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, foi a encargada de explicar ao Pleno o cambio na Ordenanza. Unha vez aprobado inicialmente o cambio, ábrese o período de alegacións. Logo volverá ao Pleno para a aprobación definitiva, coa previsión de que a Ordenanza modificada poida entrar en vigor a finais de marzo de 2009.

A Ordenanza recolle no artigo 67 a prohibición xeral do consumo de bebidas alcohólicas na vía pública en determinados supostos. Engádese agora a prohibición da distribución e venda de bebidas alcohólicas, independentemente do seu grao alcohólico, destinadas ao consumo fóra do propio establecemento de venda, entre as 22:00 e as 08:00 horas do día seguinte. Quedan exceptuados desta limitación os veladores e terrazas de establecementos dedicados á restauración ou hostalería, así como en festas, feiras, romarías e festexos populares previa autorización expresa do Concello.

Intervención cautelar, decomiso e custodia municipal
Nos supostos contemplados, os axentes da autoridade poderán retirar e intervir cautelarmente as bebidas, os envases e os demais elementos obxecto das prohibicións, así como os materiais ou os medios empregados. As bebidas alcohólicas e alimentos inservibles poderán ser destruídos inmediatamente por razóns hixiénico sanitarias.

Os axentes da autoridade poderán, en todo caso, decomisar os utensilios e xéneros obxecto de infraccións ou que serviron, directa ou indirectamente, para a comisión da mesma, así como o diñeiro, os froitos e os produtos obtidos coa actividade infractora. Estes quedarán baixo custodia municipal mentres sexa necesario para a tramitación do expediente sancionador ou, a falta deste, mentres perduren as circunstancias que provocaron o decomiso. No caso de bens funxibles, destruiranse ou daráselles o destino axeitado.

Os obxectos decomisados poranse a disposición do órgano sancionador competente para a resolución do expediente. Unha vez ditada resolución firme e transcorridos dous meses sen que o titular recuperase o obxecto, procederase á súa destrución ou entregarase gratuitamente a entidades sen ánimo de lucro con fins sociais.

Incorporación á Rede Española de Cidades polo Clima
No Pleno deuse conta tamén da incorporación de Santiago á Rede Española de Cidades polo Clima, unha sección da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Esta rede é un instrumento de coordinación e impulso das políticas locais de loita contra o cambio climático. Pretende desenvolver modelos que contribúan a minguar a emisión de gases de efecto invernadoiro.

A Rede Española de Cidades polo Clima quere converterse nun foro de intercambio de coñecementos e experiencias, así como nun instrumento de apoio técnico para os Gobernos Locais, ofrecéndolles ferramentas que lles permitan alcanzar un modelo de desenvolvemento sostible.

Máis información en: www.redciudadesclima.es

Tamén se deu conta da adhesión a outra rede autonómica que persegue obxectivos semellantes, a Rede Galega de Concellos pola Sostibilidade.

Estudos de detalle en Romero Donallo e Camiño Francés
En materia de Urbanismo, aprobouse definitivamente o Estudo de detalle do quinteiro 6 do SUP-1, en Romero Donallo. Este documento ten como finalidade axustar as aliñacións definidas no Plan Parcial. A través da ocupación dunha pequena porción de 17,45 metros cadrados de solo resólvese o problema de accesos á planta de garaxe.

Outro estudo de detalle ratificado definitivamente foi o da parcela residencial R1 do SUNP-4 do Camiño Francés. Este estudo axusta as rasantes do vieiro secundario que serve de transición entre as novas edificacións e a traseiras do solo urbano da rúa das Cancelas. Ademais, regula a implantación dos volumes edificables sobre o terreo á vista das diferenzas de cota entre o vieiro secundario e o principal.

Compartir: