PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Servizo de Asesoramento ao Emprendemento atendeu a 343 persoas en 2008

23/12/2008 O Servizo de Asesoramento ao Emprendemento da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo atendeu en 2008 a 343 persoas. A maioría, concretamente 201 (o 58,6% do total) son mulleres.

Entre as persoas atendidas, máis do 60% é menor de 35 anos. Este servizo, dirixido a todas aquelas persoas interesadas en crear unha empresa en Santiago, ofrece información e orientación sobre a constitución de novos negocios.

O persoal técnico realiza entrevistas en profundidade aos emprendedores para axudalos a definir mellor os seus proxectos, plasmando a idea inicial de negocio nun plan de empresa. Tamén os informa sobre as oportunidades e os recursos que poden atopar en Compostela. A información máis solicitada a través do Servizo de Asesoramento ao Emprendemento é a relacionada con axudas para novas empresas e con trámites que cómpre realizar para pode abrir un negocio.

Este servizo enmárcase en Compostela Activa, que ten como principal obxectivo facilitar a creación de novas empresas. Este programa cubre dun xeito integral as diferentes etapas polas que pasa unha persoa emprendedora ou un grupo de persoas emprendedoras desde que ten a súa idea de negocio ata que constitúe a empresa. A primeira etapa, a idea de crear un negocio, está cuberta a través do Servizo de Apoio ao Emprendemento, eixo vertebrador de Compostela Activa. A través desta iniciativa, que forma parte do Servizo de Apoio á Empresa, tamén se ofrece formación, axudas para a creación de empresas a través do Concurso de Novas Ideas Empresariaias, e incentivos para as empresas de recente creación.

A Concellaría de Promoción Económica dispón doutras ferramentas destinadas á persoas emprendedoras, como a Guía do Emprendendor Compostelán. Tamén conta con dez Microguías de oportunidades de negocio, que desenvolven estudos sobre proxectos empresariais con importante demanda en Santiago.

Compartir: