PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica premiará novas ideas empresariais e promoverá o seu desenvolvemento

04/10/2005 O novo programa Compostela Activa busca impulsar o espírito emprendedor en Santiago apoiando a creación e desenvolvemento de novas ideas empresariais na cidade.

O Concelleiro de Promoción Económica e Emprego de Santiago presentou o programa Compostela Activa, unha iniciativa da Oficina de Promoción Económica que ten por obxectivo fomentar o espírito emprendedor na cidade apoiando a creación e desenvolvemento de novas ideas empresariais.

Este programa conta con tres ferramentas básicas: un concurso de Novas Ideas Empresariais, unha liña de incentivos para a creación de Novas Empresas unha Guía do Emprendedor en Compostela que se editará máis para adiante.

O Concurso de Novas Ideas Empresariais ten dúas categorías: unha xenérica e outra específica para iniciativas promovidas por mulleres.

Poden presentarse ao concurso todas aquelas persoas que teñan un proxecto empresarial de nova creación. Os criterios de valoración dos proxectos serán o seu carácter innovador e o uso de novas tecnoloxías, o desenvolvemento de recursos endóxenos, a creación de emprego que xeren, e a sostibilidade e respeto do medio ambiente.

Por cada categoría otorgaranse tres premios. O primeiro está dotado con 5.000 euros, o segundo con 4.000 e o terceiro con 3.000. Os premiados terán o compromiso de iniciar a actividade da súa empresa nun prazo de seis meses. O prazo de presentación dos proxectos remata o 15 de novembro de 2005.

Outra ferramenta de Compostela Activa é a Liña de incentivos para a creación de novas empresas en Santiago. A Concellaría establece dúas formas de axudas: unha subvención ao 5% do Activo Fixo cun máximo de 3.000 euros e unha subvención para campañas de publicidade e promoción de ata 2.000 euros.

Para o acceso aos incentivos valorarase que as novas empresas se creen nos sectores das novas tecnoloxías da información e da comunicación, servizos medioambientais, servizos culturais e de lecer, servizos á comunidade e todos aqueles sectores que se podan considerar como "novos viveiros de emprego".

Poderán acceder a estes incentivos as empresas que iniciaron a súa actividade entre o 15 de outubro de 2004 e o 15 de novembro de 2005. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de novembro de 2005. Na pasada edición do 2004 esta liña de incentivos tivo numerosas solicitudes. Resolvéronse favorablemente 5 peticións, o que supuxo un investimento de 12.787,97 euros.

A terceira ferramenta de Compostela Activa é unha Guía do Emprendedor en Compostela. Trátase dun documento que recollerá dun xeito sistemático toda a información necesaria para o proceso de creación dunha empresa. Presentará tanto os pasos administrativos a seguir como información que oriente ás empresas de creación recente.

Compartir: